Etiqueta: familia

  • O maltrato psicolóxico non existe porque non se quere que exista

    O maltrato psicolóxico non existe porque non se quere que exista

    Para a administración e a xustiza, o maltrato psicolóxico non existe. A manipulación de persoas vulnerables como o son os menores non pode ser probada e por tanto non existe. Non se recoñece o seu dereito a ser tratados con respecto, as súas necesidades emocionais non están contempladas en ningún sitio.

    Os pais e nais que maltratan psicoloxicamente aos seus fillos e fillas non reciben consecuencias, non son apartados deles nin se lles obriga a cumprir cuns coidados básicos que aseguren a saúde mental das criaturas. Nin sequera se lles demanda que atendan servizos de saúde mental para aprender a criar, ou polo menos, a non danar, pois a perfección non existe pero a maldade, o egoísmo e a neglixencia, si.

    Mentres tanto, hai familias que por falta de recursos económicos son segregadas, nenos e nenas que son enviados a centros de menores onde o illamento familiar e social é, en si mesmo, unha tortura. Nestes casos a solución sería sinxela, se o sistema respectase o dereito a unha vivenda e ao alimento que toda persoa debería ter, estas crianzas xa non terían problema. Pero aos pais e nais que sofren o duro látego do capitalismo son castigados de dobre maneira arrebatándolle ao que mais queren, a ambas partes.

    Por que se valora máis a capacidade de obter recursos materiais que a capacidade de amar e coidar? Que tipo de sociedade do benestar é esta na que o amor é un privilexio pero non unha necesidade básica?

    Non son tan inxenua como para pensar que vivimos en tal sociedade, sei que sempre foi unha ficción que nos podían contar durante as burbullas económicas que aparecían entre crise e crise. Aínda así escandalízame como de normalizada está a falta de cariño, como a friaxe dun fogar no que non se fala se chega a valorar como un sinal de falta de conflito. Poida que non haxa violencia (física) pero a marca que o abandono e o desarraigo deixan no corpo dura moito máis tempo que calquera hematoma. De feito, non é sorpresa que a dor crónica sexa unha epidemia ou que a ansiedade comece a idades temperás.

    Non sei moi ben para que escribo este artigo, supoño que compartir a indignación me axuda a procesar a frustración. Só desexo que as persoas que sufriron a impotencia na infancia e adolescencia non repitan os mesmo erros posto que isto trátase dun proceso cíclico que precisamos deter, porque se pode.

    Por mor dun libro que estiven a ler, non deixo de pensar na relación que estes comportamentos e inxustizas ten coa forma na que tratamos a natureza, coa nosa desconexión. Sorpréndennos as atrocidades que ocorren no mundo e aproximámonos a resolvelas cos mesmos métodos neoliberais e patriarcais que nun principio os causaron. A ciencia convencional, a que está ben vista, perpetúa esas prácticas, o pensamento lóxico alienado das emocións é unha trampa que veneramos como a solución a todos os nosos problemas, cando o certo é que é a causa. O terreo do espiritual e o alternativo está embarrado e custa ver o camiño pois póñennos trampas para dificultarnos ese despertar que tanto precisamos. Moitos, polo medo a equivocarse prefiren manterse no pensamento dualista, no raciocinio seco e árido que constrúe máquinas pero non sociedades. Faltan valentes, na era do medo e da velocidade, fai falta coraxe para plantarlle cara ao medo e reducir o ritmo, porque o amor non se dá ás presas pero é a única menciña coa que sandar a Terra.