Etiqueta: concertos

  • Xuntanzas pequenas con grandes resultados

    Xuntanzas pequenas con grandes resultados

    A dinamización cultural é unha tarefa pouco valorada. Os dinamizadores acostuman a dispor de poucos recursos pero sobre todo de pouco tempo, xa que a miúdo se considera unha tarefa para ser feita como ocio. Tamén require moito agarimo por parte dos organizadores, deben coñecer o recanto cultural que se pretende exercitar e vivir preto da poboación á que vai dirixido.

    O reto definitivo, dende logo, é o de chegarlle a un grupo variado de persoas. Esta afirmación parece unha loucura. Na era da publicidade e os estudos de márketing semella lóxico determinar un público obxectivo e cinguirse a el. Esa é unha boa estratexia se o que se busca é simplemente chegar a un gran número de persoas, máis se o que se pretende é crear comunidade, é dicir, unha xuntanza na que se acolla unha diversidade de persoas establecendo un respecto mutuo e pasando un tempo agradable… Pois a cousa xa se complica.

    Na maioría dos casos, observo que para acadar ese obxectivo recórrese á tradicional festa na que hai música e comida. A aposta parece asegurada. Todos comemos e todos desfrutamos da música como linguaxe universal humana. Porén, en canto me imaxino a escena, inmediatamente aparecen outros elemento que xa son moito menos inclusivos. O ruído e o alcohol deslízase nunha gran cantidade de eventos sociais. Continúa abraiándome a normalidade coa que se acepta que os nenos corran entre unha multitude ebria ou como se considera unha forma de socialización a de ficar de pé durante horas xunto a persoas coas que non podes conversar se non é a berros.

    Escasean as xuntanzas nas que o alcohol está ausente ou nas que o ruído se limite a niveis aceptables para o dialogo repousado. O éxito dun encontro social a miúdo valórase segundo a cantidade de persoas que alí se amontoaron, sen darlle importancia algunha á calidade das relacións humanas que alí se estableceron. Ao igual que o laboral, trátase dun éxito máis que temos mal calibrado.

    As comunidades non se forman en festivais nin en concertos multitudinarios. Poida que se expanda un dogma ou se estenda unha ideoloxía, pero esas dúas cousas non teñen nada que ver cunha comunidade. As relacións que merecen a pena son con frecuencia forxadas en espazos pequenos e de pouca importancia. Estou convencida de que as xuntanzas que precisa a nosa sociedade para restaurar os seus vínculos son aquelas que consisten nun pequeno número de persoas de diferentes idades e moi distintos modos de vida. Duran cortos períodos de tempo mais son celebradas con certa frecuencia.

    A comida sempre se agradece pero o alcohol non debería estar sempre presente pois a demais de ser unha mala imaxe para os máis novos tamén se converteu para moitos na única maneira de abrirse ao mundo. A música é benvida porén non debe converter nun instrumento para ocultar o silencio. Todos experimentamos algún silencio incómodo durante unha conversa e se analizamos un pouco os nosos pensamentos e movementos durante ese instante decatarémonos de que a ausencia de ruído nos permitiu escoitar a nosa intuición e observar atentamente o comportamento da persoa que temos diante. Permítenos pensar dúas veces o que queremos dicir e fainos conscientes das nosas verborreas nerviosas. Os silencios incómodos poden dar lugar a situacións sociais ben interesantes que transformen as nosas dinámicas relacionais creando novos vínculos e con sorte comunidade.

    Se o pensas, cantas veces conseguimos conectar xenuinamente cunha persoa nun entorno deseñado para a evasión?