Etiqueta: acoso escolar

  • Faláronche teu pai e túa nai de bullying? E ti, como vas ter esa conversa?

    Faláronche teu pai e túa nai de bullying? E ti, como vas ter esa conversa?

    Cando estaba en segundo de infantil perdín a miña primeira amiga por mor dun accidente de tráfico. Aínda hoxe me lembro dela. Se cadra, tendo nada máis que catro anos, o común sería esquecer ou polo menos superar o asunto mais para min foi especialmente importante xa que non conseguín facer outras amizades ata o instituto. Exacto, uns oito anos cheos de incomprensión, soidade e abusos de todo tipo.

    Era unha nena bastante “especial” polo que sen axuda dos adultos érame imposible resolver o problema. Agora, tras moita terapia e reflexión sobre o tema, cheguei a comprender canto me afectaron aqueles anos no meu desenvolvemento vital posterior. Non vou negar que hai outros factores involucrados pero hoxe quero tratar este tema.

    O acoso e abuso no recinto escolar son violencias moito máis frecuentes do que calquera desexaría recoñecer. Ás veces ocorre entre o alumnado e outras chega dirixido dende o profesorado. En todo caso pode destruír a confianza e a autoestima de quen aínda está comezando a debuxar as bases da súa persoa. E con todo, non se consegue mitigar o problema, deixándoo evolucionar ata a adolescencia, momento no que se ve favorecido polo acceso ás redes sociais da xuventude.

    Tal e como as noticias do último mes nos contaron, trátase dunha problemática que empurra a crianzas e adolescentes a tomar decisións irrevogables acurtando o que debería ser unha longa e frutuosa vida. Por este motivo é preciso desenvolver ferramentas que nos permita abordala o antes posible.

    Cando intentamos tratar asuntos tan delicados durante o período infantil atopámonos desprovistos de vocabulario ou metáforas que nos permita crear unha vía de comunicación coa cativada. Moitas crianzas carecen con frecuencia de métodos cos que transmitir as súas vivencias e incluso non as saben identificar como acoso ou abuso. Como escritora e fiadora de contos pareceume que a mellor maneira de fomentar esas conversas é a de compartir o momento máxico das historias.

    Este último ano estiven traballando con Andrea Lombardía para transformar un dos meus poemas nun libro ilustrado que axudará tanto a nenos e nenas como a persoas adultas na difícil tarefa de falar sobre o acoso escolar (ou doutros tipos) e da impronta que este deixa atrás. Non agochamos a tristeza e a confusión. Non negamos a desconfianza ou evitación patolóxicas. E tampouco esquecemos mencionar o talento e capacidades que moitas veces se agochan no máis profundo das vítimas de abusos. Escribindo este conto procurei ofrecer unha guía emocional coa que explorar os sentimentos dos máis pequenos sen empregar palabras grandes.

    A imaxe está dividida en tres. Son tres momentos diferentes da creación dunha mesma imaxe. O boceto a lapis, o colereado e o perfilado. Hai unha nena mirando como come un paxaro negro dunha cunca de papas. O paxaro leva unha venda nunha á e ao fondo vese unha vela e algúns libros.

    Facendo terapia decateime de que, durante moitos anos, normalizara a tristeza e o medo como emocións da vida diaria, mesmo do minuto a minuto. Debía “adaptarme” ao grupo, “ignorar” aos abusóns e sacar un sorriso porque unha nena de catro, cinco, oito, dez anos, non ten nada de que preocuparse. Tras algún intento errado de comunicar o meu desconforto, nunha sociedade que pensa que “aos nenos hai que deixalos, que esas son cousas de cativos”, non volvín a mencionar o tema. Co tempo o meu comportamento era máis cerrado e evitativo, pero sen as preguntas adecuadas, ninguén sacaba outra conclusión que a dunha actitude pasiva ou desafiante.

    As vítimas de acoso son a miúdo castigadas con tanta frecuencia como o son os abusóns. Por iso é habitual que teman confesar o ocorrido, porque non confían en que a súa versión vaia ser crida. Se cadra, un conto non semella moita cousa, un agasallo máis de tantos que reciben. Ou poida que despois de lelo falen sobre o que lle pasou a Pomba aquel día que se encerrou no faiado, do porque está tan triste agochada nun recanto. E logo recuperen a confianza porque lembran que eles e elas tamén levan a primavera no peito.

    E se quen o le é un neno ou nena que acosa a outros, poida que finalmente comprendan como se senten aqueles dos que abusa e atope en Vida e no gato Mandarino a maneira de actuar para solucionar o seu erro.

    Pomba, a que non era é un proxecto feito porque si, sen pensar en beneficios, pois aínda conseguindo as metas do crowfunding non dará para mais que cubrir os custos. O meu compañeiro de vida, o meu gato particular, confiou na miña visión para este poema sen comprender como era posible transformalo en un conto ilustrado. Andrea Lombardía, sabendo que ía ser un reto, aceptou o traballo e esforzouse máis do que se lle podía pedir porque comprendeu rapidamente a importancia do que eu desexaba crear. Agora cruzaremos os dedos e rezarémoslle ao Deus de Goteo para que as contribucións chovan como o fai nun bo inverno.