Categoría: tecnodiversidade

  • Dos 17 aos 85 anos, o solarpunk ten acollida

    Dos 17 aos 85 anos, o solarpunk ten acollida

    Cando lle propuxemos aos coñecidos de amarinha.gal falarmos sobre solarpunk a reacción foi bastante homoxénea: “Solarqué?” No Fediverso e noutros nichos do internert, o solarpunk é coñecido, é venerado como unha fonte de esperanza e inspiración. Pola contra, no mundo cotián dun pobo costeiro do norte lucense, o termo solarpunk, aínda que teña preto de vinte anos, parece acabado de inventar.

    O pasado venres 31 de outubro fixemos outra das nosas xuntanzas mensuais na biblioteca municipal de Ribadeo. Desta vez o peso recaeu sobre os asistentes quen foron partícipes dun taller de reflexión e creación de futuros optimistas.

    As preguntas xurdían incluso despois de escoitar a definición

    Que necesidade hai do solarpunk? 
    É tan só un xénero artístico máis?
    Que relación ten co mundo real?

    Vivimos nun contexto cheo de ansiedade, pola crise climático-ecolóxica e polos conflitos bélicos que aparecen como setas no outono. O sistema capitalista facilítanos caer na desesperación pois tornámonos moito máis manexables cando, como nos lembrou Antonio Gregorio durante a xuntaza, na nosa cabeza se escoitan ecos de Margaret Tatcher dicindo “there is no alternative” (non hai alternativa). Pois non, as alternativas hainas e delas se falou.

    Que necesidade hai do solarpunk?

    Un pobo no que traballan en colectivo montando paneles solares nun edificio e preparando o xantar con tecnoloxía low-tech
    https://storyseedlibrary.org/art/dustin-jacobus-low-tech-journal-potlach/

    A corrente que nos arrastra trata de levarnos a un futuro de dominación xerarquizado ao estilo feudal e encorchetado polos avances tecnolóxicos enfocados no control do individuo. O benestar non se contempla se non é para a elite fomentando así un ambiente de competición agresivo e violento. Non é evidente, daquela, a necesidade do solarpunk?

    Precisamos un discurso diferente que lle faga fronte a esa distopía autoimposta, que rete o imaxinario creado polos gurús tecnolóxicos, os tecnobros ou os emprendedores capitalistas que nacen cunha mina de diamantes debaixo do brazo. O solarpunk é un movemento que nos permite crear en colectivo a imaxe dunha nova sociedade que nos inspire a procurar un cambio positivo para todos. É, pois, unha alternativa á idea do fado distópico do cal nos queren convecer co fin de crear indefensión ante os abusos de poder que desexan normalizar.

    No presente determinamos a dirección do futuro a través das nosas esperanzas e expectativas. O camiño que tomamos só se debuxa cando coñecemos o destino ao que desexamos chegar. Para poder construír un proxecto novo precisamos debuxar o esbozo que nos servirá de guía, do contrario arriscámonos a deambular sen sentido vulnerables aos degoiros dos avarentos.

    É tan só un xénero artístico máis?

    Non, é un movemento que pola capacidade de influencia que posúe deixa de ser un xénero artístico para converterse nun axente transformador. Coa transmisión do solarpunk podemos inspirar, ofrecer esperanza, despertar conciencias e iniciar procesos sociais que rematen en tomas de decisión políticas.

    A arte nunca é tan só entretemento, sempre leva consigo un efecto social e neste caso falamos dun tipo de arte que como finalidade última ten a pretensión de mobilizar. De feito faino xuntando persoas de todas as idades xa que a temática non se ve afectada por un tipo de emoción asociada a unha etapa particular da vida, nin sequera se restrinxe a unha problemática social concreta, abarca con gran sensibilidade a totalidade da condición humana, pois sen esta visión holística, o movemento non podería crear un futuro sustentable e agradable para todos.

    Que relación ten co mundo real?

    Non é pouco frecuente que se interprete a idea de un mundo sustentable tal que o proposto polas ecotopías como unha simple ficción. Unha especie de momento inspirado no que a imaxinación esaxera as posibilidades. Moi ao contrario, o solarpunk pretende aterrar na realidade aquilo que levamos décadas contemplando e que, no entanto, non chega a entrar nos debates predominantes.

    Autor: Taylor Seamount
    CC BY-SA 4.0 https://storyseedlibrary.org/es/art/lino-zeddies-cologne-2048/

    Trátase de ofrecerlle un lugar ás preocupacións reais que a poboación, as súas necesidades ou as solucións suxeridas dende a base. O progreso tende a ser entendido como algo ditado pola clase dirixente quen se asume sabe mellor que ninguén o que precisan os seus cidadáns, mais sabemos que sen escoita activa as intervencións acostuman a tratarse dunha combinación de accións políticas que responden máis aos intereses dun partido que ao dos seus votantes. O solarpunk precisamente trata de solucionar iso, a través dunha expresión artística dálle voz ao pobo ao tempo que pon sobre a mesa solucións ignoradas a pesar da súa viabilidade.

    Áreas a cambiar, aquilo que protexemos e
    o coñecemento que transmitimos

    Como vos contaba antes, o taller do pasado venres recaeu na creatividade dos presentes. Como primeiro exercicio proposto (e único realizado pola abundante participación e a consecuente falta de tempo) suxerín explorar tres preguntas que me axudan a cuestionarme a sociedade actual cunha visión construtiva. Anímovos a que as respondades vós mesmo, e se é en compaña, aínda mellor.

    • Cales son as áreas que desexamos cambiar?
    • Que desexamos protexer?
    • Que coñecemento desexamos transmitir?

    Non pensedes que estas preguntas son escollidas ao azar. Cavileinas un bo pedazo. Non quería que a discusión se centrase na queixa, costume moi arraigada no capitalismo ou no cristianismo e que nos come por dentro sen permitirnos avanzar. Tampouco podemos falar do futuro que desexamos sen criticar o presente dalgún xeito, por iso pensei en “áreas que desexamos cambiar” xa que ao tratarse de áreas afastámonos da indignación persoal e achegámonos máis á colectiva.

    Considerei importante reflexionar sobre o que “desexamos protexer” porque acostumados a un sistema estractivista é fácil esquecer aquilo que é importante e merece ser conservado para sacrificalo sen escrúpulos ante a posibilidade dun novo luxo innecesario. Centrar a conversa na base que sustenta ao ser humano e á vida en xeral é a forma de que se tome a crise climática e ecolóxica en serio.

    A última pregunta, “que coñecemento desexamos transmitir”, fai referencia ao caos informativo no que vivimos, á perda de sabedoría que sufriu a humanidade debido ao colonialismo e á discriminación do coñecemento segundo este sirva ou non ao capitalismo. Recapacitar sobre a repercusión que terá aquilo que lle ensinamos aos máis novos, daquilo que deixamos plasmado en papel ou o que compartimos en masa.

    Os produtos da escoita activa

    Ao final deste artigo comparto convosco as achegas que fixeron os e as participantes do obradoiro. A maior parte delas abriron conversas que cruzaron a mesa intercambiando perspectivas que ían dende a visión dun rapaz de 17 anos á experiencia dunha muller de 85 anos, e por suposto, moitas outras entre medias. O respecto e o interese xenuíno pola opinión allea foi o ingrediente estrela xerando un ambiente cómodo para contribuír á actividade.

    Nun estilo similar a o dos nenos, vese debuxado un barrio axardinado con columpios e paseos cheos de flores. Na parte frontal hai pequenos e maiores xogando.
    https://storyseedlibrary.org/art/oh-shoot-i-arted-communal-rock-painting/

    Despois de algo máis dunha hora intercambiando ideas fixemos un repaso coa intención de concretar as solucións. Para iso empreguei unha listaxe persoal que preparei como exemplo e na que tratei de incluír todas as necesidades básicas do ser humano así como as súas diferenzas. Fíxeno inspirada no plantexamento que Ecoloxistas en Acción empregou para o material didáctico que desenvolveron no último ano baixo o nome de “Nova Cultura da Terra”.

    Os sete puntos que me escollín para crear un futuro optimista ao estilo solarpunk son os seguintes:

    1. Consumo de enerxía eficiente segundo as necesidades básicas da poboación
    2. Protección da auga: subterránea, ríos, océanos, dereito a auga
    3. Un deseño territorial que acompaña os límites ecosistémicos
    4. Dereitos básicos asegurados a través dunha distribución igualitaria dos recursos (limitados) do planeta
    5. Diversidade como fortalecemento (social e de especies)
    6. Espiritualidade enfocada nunha relación de equilibrio co resto da natureza
    7. Educación emocional e comunicativa como pila dunha política de convivencia respectuosa

    Ao afondar neste punto cada persoa sairá con solucións diferentes que se poden compatibilizar. Como vos adiantara, a continuación está a listaxe de propostas que se fixeron durante o taller. Veredes como os últimos dous puntos da miña listaxe son os que reciben máis atención. Irónicamente, na era do avance tecnolóxico o último que semella que precisamos é máis tecnoloxía. Pola contra, a maior parte dos retos que enfrontamos gravitan ao redor do vínculo humano coa natureza e consigo mesmo.

    Un paseo xunto a un río e preto dun edificio de dúas plantas e ducias de metros de longo. Todo o terreo entre o río e o edificio está cuberto de plantas e animais. O camiño e os bancos están cheos de xente, uns descansando e outros socializando
    https://storyseedlibrary.org/art/dustin-jacobus-water-street/

    Espero que non vos deteñades só na lectura destas ideas senón que as tratedes de colocar en cada un dos puntos e incluso engadades as vosas propias. Incido novamente en que o podedes facer mellor en compaña, durante unha clase ou cos socios do voso colectivo favorito. Canto maís falemos das posibilidades que ofrece o futuro e nos deixemos de fatalismos, máis preto estaremos de poder dar ese cambio que desexamos, precisamo, e sobre todo, podemos levar a cabo.

    • Creación diversa e local de roupa ou música, por poñer un exemplo de produto artístico. Dar valor ao arte como propósito.
    • Prestarlle máis atención ás persoas maiores (avós e avoas) como ás novas xeracións.
    • Reducir o ruído ambiental que acompaña a todo tipo de celebracións e actividades.
    • Cambiar a visión sobre os coidados, velos máis como unha oportunidade e algo do que aprender. Non só na familia ou lugares específicos, estender os coidados a todos os ámbitos da vida en sociedade.
    • Fomentar o pensamento crítico da xente, reflexión sobre o que se nos está a ofrecer ou o que facemos no día a día (protección de datos nas redes, por exemplo).
    • Cuestionar a necesidade da dixitalización e determinar que casos son máis ben unha Imposición.
    • Educación na reutilización e en compartir dende nenos(compartir/herdar/prestar libros, roupa, xoguetes…)
    • Maior comunicación entre persoas e comunidades proporcionándolle máis espazo ao desenvolvemento da intelixencia emocional e os valores compartidos e claros. Relacionarse sens transaccións económicas. Abordar con máis preocupación o tema dos nenos con móbiles dende bebés.
    • Transmisión de vivencias da xente maior. Familia, veciños e vínculos en xeral. Fomentar a tradición oral como ferramenta para crear e fortalecer relacións.
    • Cuestionar a esixencia de tomar partido en polos opostos e fomentar a conciliación entre distintos puntos de vista.
    • Afastarse do positivismo por ser unha imposición e superficial. Permitir sentir diferentes emocións segundo as circunstancias.
    • Educar de xeito ameno para xerar maior motivación e así alimentar os talentos dos alumnos. Reducir o número de contidos. Dar liberdade aos profesores fora das notas.
    • Fomentar talentos individuais e diversos.
    • Incluín no currículum universitario materias que che ensinen a defenderte no mundo e a xestionar a vida.
    • Importancia da persoa por riba da profesión. Dar importancia ao que cada quen quere ser ou como enfocar a vida e eliminar a xerarquía social segundo o tipo de traballo que se fai.
    • Menos individualismo, dar importancia ao que afecta á xente do entorno incluso se non os coñeces ou non compartes as mesmas problemáticas.

    Moitas grazas se chegache aquí. Espero terche removido un pouco o miolo ou polo menos xerarche un pouco de esperanza.

    Reaccións do Fediverso
  • Tecnodiversidade: a miña panadería que sexa local, e os meus servizos dixitais, tamén

    Tecnodiversidade: a miña panadería que sexa local, e os meus servizos dixitais, tamén

    Este fin de semana baixei á vila para ir a unha manifestación en apoio a Palestina. Eramos os mesmos de sempre pero tivo un bo efecto xa que, como estamos na costa e o verán se inaugurou, as rúas comezan a encherse con turistas, quen non tiveron outra que escoitar as nosas consignas.

    Non todo o mundo pode ir ás manifestacións ou mesmo non o considera como un método útil para levar a cabo o cambio social desexado. Por iso hoxe propoño outro método de presionar aos grandes poderes sen necesidade sequera de saír da casa: a tecnodiversidade.

    Moitos dos turistas que nos tiveron que “soportar” amontoábanse en fileiras na porta de varias panaderías coñecidas pola súa habilidade artesanal, unha imaxe que se repite tódolos anos e nalgunhas cidades, incluso todos os fines de semana. Cando mercamos pan, resúltanos de maior valor se coñecemos á persoa que o amasou e o coceu. Ver as mans que tocaron o noso alimento, danos confianza. No mundo tecnolóxico, aínda que a miúdo semella alleo á vida cotiá, tamén se pode facer o mesmo. De feito, xa existe, é unha realidade que xurde en recunchos concienciados pero que podería ser levado ao mainstream.

    A variedade no cultivo de artes e artesanías sempre foi para unha comunidade a mellor forma de acadar unha maior fortaleza pois ante un aumento das posibilidades tamén se dá un aumento das solucións. Na actualidade non cabe dúbida de que a biodiversidade é o principal indicador de saúde, tanto territorial como ecolóxica como cultural. Daquela, é sensato pensar que un modelo similar pode fortalecer a tecnoloxía, entendéndoa como un sistema plural cunha entidade única na súa relación co resto do ecosistema planetario.

    Co fin de explicar o concepto de tecnodiversidade, Yuk Hui, filósofo e enxeñeiro informático chino, fala dunha ecoloxía das máquinas que permita unha coexistencia respectuosa entre natureza e tecnoloxía. Trátase de buscar o xeito de integrar os avances tecnolóxicos dentro da lóxica da natureza para que esta non se vexa prexudicada cada vez que ao ser humano se lle ocorre unha innovación. Consiste en aplicar coñecementos éticos e biolóxicos ao aproveitamento de recursos naturais, precisamente para debuxar a liña que limita ese aproveitamento e unha devastadora explotación que nos está deixando sen eles.

    O método pasa por aumentar a variedade de tecnoloxía pero tamén a variedade de provedores e fontes de servizos dixitais. Do mesmo xeito que para a mellora da biodiversidade defenderíamos a produción de alimento local e a pequena escala, coa tecnoloxía debemos facer o mesmo. Esta práctica non só diversifica o poder que adquiren as empresas responsables senón que incrementa o número de perspectivas e fomenta que ideas realmente revolucionarias teñan cabida. Nun contexto homoxeneizado e monopolizado non é posible posto que os filtros impostos polos estamentos máis altos da xerarquización son estreitos o cal constrinxe a creatividade das innovacións. Pode soar irónico cando vivimos nun mundo acelerado que impulsa a produción de innovacións a calquera custo material, humano ou animal (sempre ao menor custo económico, por suposto). Porén falamos dun aceleramento mal dirixido que premia unicamente a rapidez e non presta atención aos resultados das súas innovacións, as cales pecan con frecuencia de non responder a necesidade ningunha e, en efecto, de ser prexudiciais para a maioría dos seres vivos.

    A filosofía da tecnodiversidade busca xerar unha nova cultura da innovación onde haxa espazo para que a vida, humana e non-humana, se poida desenvolver en saúde mentres que a tecnoloxía sexa máis un acompañante que un mecanismo de dominación. A última iniciativa que descubrín e que comparte esta visión, aínda que non o expresen deste xeito, é a asturiana Nuberu Dixital , unha cooperativa sen ánimo de lucro que ofrece servizos dixitais baseados en código aberto. Non se pode falar de tecnodiversidade, sen mencionar o Fediverso e a infinidade de instancias que nel se conectan. Tamén podemos falar de proxectos de índole máis física, como poden ser as tendas de reparación de electrónica que aínda resisten e apoian aos consumidores desencantados co sistema, ou as comunidades enerxéticas que aparecen, cada vez con maior frecuencia, grazas ao acompañamento de cooperativas como Nosa Enerxía.

    Evidentemente, fica unha opción máis: cocer o pan na casa. Quen non goza dun domingo de inverno xogando coa masa, deixando que as crianzas colaboren no proceso e desfrutando dos froitos dun esforzo colectivo? Por que non coller ese vello teléfono móbil e cambiarlle a pantalla? Por que non darlle unha man de pintura a ese moble vello? Nós tamén podemos ser axentes da tecnodiversidade ao tempo que transmitimos unha nova cultura ás xeracións que nos substituirán.

    Reaccións do Fediverso