Categoría: distopia

  • Non vos desesperedes, é só a adolescencia da humanidade

    Non vos desesperedes, é só a adolescencia da humanidade

    Como, con tanto coñecemento acumulado, nos comportamos tan salvaxemente?

    Se consideramos toda a humanidade como a un único ser vivo e comparamos as épocas históricas coas etapas de vida dun humano, atopamos suficientes similitudes coa adolescencia.

    Estamos nun momento histórico no que, no seu conxunto, a sociedade posúe abundante coñecemento sobre unha infinidade de disciplinas, humanísticas ou científicas. Semella que sabemos todo o que hai que saber para solucionar os nosos problemas, sexan climáticos como sociais, porén somos incapaces de poñelos en práctica. Centrámonos noutras cousas que en lugar de axudarnos a medrar como ser vivo, alimentan o ego desa idea de “Humanos Vs Natureza”. Deste xeito é que, dende fóra, dende o espazo exterior, parecemos adolescentes en plena crise existencial devecendo por evolucionar e frustrados por non conseguilo.

    A lactancia pasámola na prehistoria. Acubillados en covas, comendo o que a natureza nos daba e durmindo o resto do tempo. Experimentamos o contacto con outras especies e empezamos a diferenciar entre as que nos sentan ben e as que non. Eramos bebés que choran cando algo lles molesta e rin cando algo lles presta.

    Pouco a pouco, fomos aprendendo a xogar. Primeiro co lume, como os cativos que, atraídos pola beleza das lapas, se achegan á cociña de leña da avoa e asumen as consecuencias de ignorar o perigo das altas temperaturas. Tamén empregamos pedras para interactuar con esa natureza que xa deixaba de ser tan descoñecida e, incluso, nos atreviamos a dar os nosos primeiros pasos como seres independentes iniciándonos na agricultura.

    Podemos comparala, pola gran carga impulsora que para nós foi a agricultura, coa liberdade que lle dá a unha crianza ser capaz de desprazarse sen axuda dos seus coidadores. É un cambio de paradigma, tanto, que ata podemos ir á escola. E iso fixo o ser humano, púxose a traballar e a inventar maneiras de xogar máis e mellor. Aprendeu.

    Comezamos a moldear o barro e posteriormente fedellamos co bronce, co ferro e outros metais. Desfrutamos construíndo e enchendo o noso entorno con louzas e trebellos, tal que fosen plastilina e bloques de Lego. Exercitamos a nosa creatividade e cada vez fomos construíndo cousas máis grandes. A infinidade do mundo era o noso límite.

    Exploramos a terra e o mar. Chegamos a todas as esquinas do planeta e deixamos a nosa pegada. Investigamos o que alí había e pensamos en formas de empregalo para os noso proxectos creativos. Apareceu a escritura impulsando esa acumulación de coñecemento e dándonos a posibilidade de transmitir as nosas vivencias a un público moi futuro.

    Recursos naturais, materiais escolares. 
    Aventuras de exploradores, traballos de clase e exames. 

    Fomos aprendendo, “dominando a materia da natureza”. E agora chegamos como adolescentes aos últimos cursos do instituto, xusto cando podemos demostrar o intelixente que somos, pero sentimos que algo está a cambiar, serán as hormonas, se cadra o clima. Non nos sentimos capaces de enfrontarnos ás tarefas que nos son encomendadas. A nosa mente perde a atención de forma constante, será a puberdade ou será a electrónica a que inundou as nosas vidas. Non queremos escoller. Só nos culpamos.

    O ser humano vive unha crise existencial.

    Ao igual que na adolescencia as crianzas se desilusionan dos pais ao descubrir que non o saben todo, a humanidade cría que o mundo era infinito e agora atópase con que ten límites. A nai natureza pode dar ata onde chega, o pai pode protexernos ata que nos vemos ante perigos para el descoñecidos.

    Na historia do ser humano estase a escribir un capítulo de gran transformación. Non porque os avances tecnolóxicos nos vaian mostrar unha sen fin de posibilidades, senón porque estamos a replantexarnos o que significa ser parte deste planeta. Cal é o noso lugar no conxunto da vida?

    A adolescencia é dura, pero pásase. A crise climática é de gran relevancia, importa o que fagamos para superala. Os conflictos locais e internacionais non son simples “cousas de rapaces”, hai que interceder e deter as guerras antes de que sexan xenocidios. Ao igual que no caso do individuo adolescente, para superar esta crise existencial humana, o prioritario é aprender a regular as emocións, sandar a conexións e dialogar sobre que límites merecen ser explorados e cales deben ser respectados.

    A adolescencia da humanidade é unha etapa complicada, mais pode superarse. 

    A intelixencia e a sabedoría son cousas moi distintas. Que a humanidade sexa a representación do animal máis listo non significa que sexa o máis sabio. Acadamos o cumio do coñecemento, e semella estamos nesa montaña da ignorancia descrita polo efecto Dunning-Kruger. Non é algo malo en absoluto, trátase dun paso máis que precisamos dar para poder adquirir a sabedoría que a humanidade pode acadar.

    Unha vez superemos este tropezo experimentaremos a modestia coa que debemos ser parte da natureza e poderemos ir comprendendo pouco a pouco todas esas preguntas de gran calado que agora ata nos asusta propoñer. O obxectivo da nosa especie deixará de ser ese de sermos os máis fortes e poderosos para ser ese de formar parte de algo máis importante que nós mesmos.

  • 1984-Ser vixiado ou expoñerse ao máximo

    1984-Ser vixiado ou expoñerse ao máximo

    Na novela de George Orwell a imaxe do Gran Irmán está en todos e a súa presencia pódese palpar nesa vixilancia que experimentan e sofren os protagonistas. Fose ou non a intención do autor, a figura do Gran Irmán dálle corpo a esa absoluta influencia que o mandatario dun réxime totalitario ten sobre os seus cidadáns. Sen importar o sistema económico ou o ideal político tras o totalitarismo, o control da poboación é o foco da novela.

    En 2023, Sandra Newman presentou unha nova versión da novela (a cal non comentarei a non ser que me forcedes a facelo) mantendo de novo esa sensación de absoluta vixilancia e control. Os personaxes esfórzanse por ocultar as súas accións evitando ser interceptados pola crítica dun ollo que todo o ve. Esta recente novela popularizou a orixinal unha vez máis e fixo que ocupase un espazo de debate e reflexión nos medios de comunicación.

    A raíz do modelo ilustrado en 1984 os seus lectores decátanse dunha serie de paralelismos coa sociedade que hoxe sostemos entre as mans. A loita pola modificación, evolución ou conservación da linguaxe, a recolección de datos persoais como armamento para o control de masas, a pos-verdade adquirindo maior relevancia que os feitos obxectivos… Unha serie de prácticas levadas a cabo por aqueles que posúen o poder co fin de estendelo indefinidamente, e se cadra, incrementalo. Nada disto é novo para a maioría dos que len estas liñas.

    Tras repasar o argumento do primeiro libro e ler a versión de Newman cheguei á conclusión de que estamos a esquecernos dun detalle importante que diferencia o totalitarismo da ficción do control mental ao que estamos sometidos na realidade. Máis que no comportamento dos dirixentes e poderosos, estoume a enfocar no do seu séquito, nas persoas comúns que non podemos escapar ao dominio que exercen.

    Na actualidade non nos ocultamos como o o facían Winston e Julia, hoxe en día expoñémonos desvelando todo tipo de detalles sen pudor. Con isto non estou a criticar a honestidade e sinceridade de quen desexa compartir a súa historia co fin de axudar a outros. Refírome a esa necesidade emocional ou pragmática de facernos ver, de atraer a atención dunha sociedade conxestionada. Se buscamos traballo precisamos crear un perfil que expoña as nosas facetas. Se desexamos parella faremos outro que realce as nosas virtudes e buscaremos maneira de exhibir os nosos corpos do xeito máis atractivo. Se anhelamos amizade, declaramos os nosos intereses como se a nosa conversa fose un produto de mercado máis. O caso é mostrarlle ao mundo que a nosa existencia vale a pena.

    Trátase dun tipo de control moito máis retorcido que ese de 1984. Tememos o mundo do totalitarismo pensando unicamente na dominación física cando o certo é que a influencia mental é moito máis poderosa. O nazismo sábeo ben e por iso empregaba a propaganda tanto como lle era posible. A 2025 a publicidade é parte da identidade humana, o xerme do idealismo incorporouse no noso día a día ata absorber todas as súas áreas. A personalidade converteuse nunha ferramenta coa que mellorar o “branding” da túa marca persoal para así destacar nesta sociedade chea de números de IP e correo electrónicos, carente de almas e pensamento orixinal.

    O control definitivo dáse cando xa non é preciso manexar ao rabaño, senón que son as ovellas as que loitan por ser escollidas. A distopía de 1984 quédase corta cando o que se está a analizar é o interior do ser humano.

    Reaccións do Fediverso