Categoría: bencomún

  • O que as renovables non poden substituir

    O que as renovables non poden substituir

    Non se trata simplemente de producir electricidade con renovables, hai produtos e servizos que non se conseguen se non é con diesel ou, en xeral, combustibles fósiles. Non somos conscientes de ata que punto estamos a hipotecar o noso futuro, e máis aínda, o dos nosos descendentes. A falta deste ouro negro afectará en áreas tan delicadas como a sanidade.

    Chegado o momento no que o diesel teña prezos excesivos para o común da xente pasaremonos á mobilidade electrica. Isto pode ser realizable se centramos os esforzos no transporte público e non no desprazamento individual. Así e todo, deberíamos ver certos cambios no noso día a día xa que esta transición esixe a extracción de materiais cun custo humano e medioambiental notables que para ben ser encarecería a construcción das baterías e microchips necesarios. Mais é asumible para unha sociedade enteira que comparte os seus vehículos.

    Por outra banda están os servizos que dependen directamente dos derivados do petróleo. Nese caso, cando un pedaciño de plástico é insustituíble por outro material, ou cando o diesel é un elemento clave para a elaboración dun subproduto, a cousa está máis complicada.

    Estes servizos, e luxos, pois así serán considerados, notarán un importante incremento de prezo que pode dificultar o acceso incluso a produtos sanitarios. Os polímeros con aplicación médica son aqueles considerados como seguros para o emprego no ámbito sanitario. Estes teñen unas características que permite reciclalos, mais iso trátase só dunha posibilidade non da realidade. O certo é que aínda que durante os procesos de fabricación os recortes de plástico que se desbotan rematan por ser reciclados reducindo así o malgasto deste material, non ocorre o mesmo unha vez son utilizados.

    www.freepik.es

    Unha vez estes plásticos son postos en contacto cos fluídos sanguíneos e polo tanto se converten en infecciosos, os protocolos de control de enfermidades esixen que sexan incinerados. Esta medida é a única dispoñible de forma xeneralizada ata o momento. Se ben o instrumental metálico pode ser desinfectado e esterilizado, co plástico no ocorre o mesmo. A razón pola que non se pode limpar este material e reutilizalo novamente é moi sinxela. O proceso de esterilización necesario para tratar aqueles obxectos que foron postos en contacto con sangue ou fluídos corporais require moi altas temperaturas xa que os métodos de esterilización “en frío” como por exemplo o peróxido de hidróxeno non son suficientes para este tipo de casos nos que pode haber tecido celular presente.

    Con todo isto pretendo poñer en relevancia a necesidade de reducir o consumo de derivados do petróleo en ámbitos nos que prescindir del non supón unha decisión de vida ou morte xa que polo de agora existen servizos que dependen del.

    A reutilización de material sanitario non sempre é posible xa que boa parte del precisa ser deseñado en plástico co fin de ter unha características particulares. O que si pode ser fabricado en metal, vidro ou papel son os embalaxes e os utensilios do fogar. Tampouco precisan de derivados do petróleo o decrecemento no consumo, a limitación de desprazamentos ou o ocio baseado no desfrute cívico da natureza. Todas elas son alternativas de vida ao alcance de todos e que aseguran o acceso universal ao coidados sanitarios.

    Na novela de Resaibo Amargo, Lucía Ferro emprega o thriller como medio de divulgación expoñendo as metodoloxías da industria farmacéutica nos seus esforzos polo control da sanidade.

    Reaccións do Fediverso
  • Que é a tecnoloxía para o ben común?

    Que é a tecnoloxía para o ben común?

    O discurso popular está dividido en dous. Os que defenden as posibilidades dun progreso tecnolóxico para resolver os problemas que afectan actualmente a vida na terra e os que negan a posibilidade dun futuro ecolóxico cun emprego xeneralizado da tecnoloxía. Se cadra todos teñen razón e todos están errados.

    Comezamos a ser conscientes de que os problemas máis dificultosos non poden ser resoltos con tecnoloxía.

    O avance do fascismo e doutras ideoloxías tóxicas non se soluciona con microchips. A conexión humana segue a ser un elemento indispensable. Pódese pensar que con máis innovacións tecnolóxicas haberá máis tempo dispoñible para aquelo que compete á capacidade humana, porén estamos a ver como a IA máis que axudar está xerando precarización no día a día de moitas persoas. Tampouco podemos ser inxenuos e crer que unha volta ao pasado abondaría para solucionar as nosas penurias xa que a situación actual non é máis que unha consecuencia da evolución social que experimentaron os enfoques do pasado.

    Así pois a única alternativa e buscar un punto entre medias, un equilibrio que nos permita seguir avanzando pero sen deixar cadáveres polo camiño nin hipotecar o futuro. A tecnoloxía para o ben común será aquela que beneficie a toda a humanidade por igual, e xa de postos, a toda a vida do planeta. Un concepto sinxelo e que pouca oposición pode ter de primeiras. Mais ao reflexionar sobre elo a min xórdeme unha pregunta.

    Cal é a característica básica dunha tecnoloxía para poder considerala “do ben común”?

    No seu libro “Cuatro lecciones sobre anarquía y anarquismos”, Carlos Taibo admite unha certa desconfianza de cara a tecnoloxía e coincide con Zerzan en que “todas as tecnoloxías creadas por o capitalismo levan por detrás a pegada da división do traballo, da xerarquía e da explotación.” No entanto, noutra charla que lle escoitei sobre o decrecemento, Taibo menciona tres requisitos, que de ser cubertos por unha tecnoloxía particular, convértena nunha aliada deixando de ser, daquela, unha ameaza.

    O primeiro requisito de Carlos Taibo é a condición social da tecnoloxía a analizar. É dicir, a quen beneficia dita innovación. Son moitas as persoas beneficiadas? Son uns poucos os que absorben todo o valor xerado? Podemos dicir que o primeiro requisito está estreitamente ligado á definición simple de tecnoloxía para o ben común. Que o beneficio chegue a moitos e sexa repartido.
    O segundo requisito responde á súa natureza eco-enerxética. Con isto refírese ao consume de enerxía necesario para manter a tecnoloxía en funcionamento. Se ese consumo afecta ao estado do ecosistema que recibirán as xeracións vindeiras, daquela estamos a falar dunha tecnoloxía que sendo todo un luxo a día de hoxe, será a débeda que afectará aos nosos descendentes quen terán que pagar o prezo e os intereses.
    Finalmente, o último requisito fai mención á política expoñendo o risco que supón unha tecnoloxía estruturada de tal xeito que escape a un control democrático permitindo monopolios ou actitudes totalitarias que exerzan un poder obtido a través da propiedade de dita tecnoloxía.

    Estou bastante de acordo con Carlos Taibo, de feito, considero que estas son moi boas indicacións á hora de analizar e valorar as tecnoloxías. Con todo, esquecemos que o capitalismo nunca deixa de sorprendernos co seu potencial de crueldade. Se poñemos por caso unha tecnoloxía no ámbito da saúde, por exemplo o deseño dunha prótese para amputacións, penso que sería fácil de ver como pasa estes requisitos e aínda así non creo que se trate de tecnoloxía para o ben común.

    Explícome.

    O deseño dunha prótese trátase de algo que beneficia a un grupo vulnerable da sociedade. Calquera de nós pode formar parte deste colectivo e por tanto é unha tecnoloxía que pode beneficiar a moitos. O consumo de enerxía da produción dunha prótese é sen dúbida un custo asumible se pensamos na independencia que lle aporta aos seus usuarios pois estes non precisarán empregar outros recursos á hora de desenvolver a súa vida diaria. Se un se pode desprazar camiñando non precisará coller un taxi para un par de quilómetros. Cando chegamos ao último requisito, nese no que se estuda a capacidade de control democrático que se pode exercer sobre a tecnoloxía, observamos, que se ben a súa natureza política non impide o control, o capitalismo consegue facerse con el sexa por medio de sistemas de saúde privados ou públicos.

    Non cabe dúbida de que precisamos próteses para aqueles que as precisen, mais non podemos esquecer que a discapacidade a miúdo ven por falta de accesibilidade e non por falta de tecnoloxía.

    Un espazo público más accesible pode significar un cambio para un maior número de persoas, teñan ou non a posibilidade de desfrutar dunha prótese, pois sempre existirán persoas dependentes dunha cadeira de rodas.  

    Con esta encrucillada é coa que nos atopamos a diario. Moitos traballadores da industria tecnolóxica non teñen a posibilidade de decidir se as súas innovacións serán empregadas para o ben común ou a explotación dun mercado. É este feito o que me leva a pensar que non existe unha ampla variedade de tecnoloxía para o ben común e que as características que esta posúe deberían ser aínda máis restritivas.

    Tras cavilar moito decateime de que as tecnoloxías que verdadeiramente son incorruptibles son aquelas nas que durante o desenvolvemento do proxecto non se lles deixou oco algún para a súa capitalización. 

    É dicir, son innovacións pouco susceptibles de ser financiadas por fondos de inversión xa que aínda sendo o seu un futuro socialmente exitoso, non o será no ámbito económico. Dito doutro xeito. o produto ou invención innovada non poden converterse en capital, nesa acumulación de diñeiro que se diferencia do ingreso pois non o precisas para sobrevivir senón que se dispón del para “xogar ao Monopoly”.

    Podo entender como este requisito para a tecnoloxía pode semellar severo e excesivo, mais coido que non se acada un ben común sen uns principios esixentes que manteñan presente a interseccionalidade inherente á vulnerabilidade. Esta non é a definición oficial de tecnoloxía para o ben común, é tan só a miña forma de velo.

    Reaccións do Fediverso