Categoría: consciencia

  • Faláronche teu pai e túa nai de bullying? E ti, como vas ter esa conversa?

    Faláronche teu pai e túa nai de bullying? E ti, como vas ter esa conversa?

    Cando estaba en segundo de infantil perdín a miña primeira amiga por mor dun accidente de tráfico. Aínda hoxe me lembro dela. Se cadra, tendo nada máis que catro anos, o común sería esquecer ou polo menos superar o asunto mais para min foi especialmente importante xa que non conseguín facer outras amizades ata o instituto. Exacto, uns oito anos cheos de incomprensión, soidade e abusos de todo tipo.

    Era unha nena bastante “especial” polo que sen axuda dos adultos érame imposible resolver o problema. Agora, tras moita terapia e reflexión sobre o tema, cheguei a comprender canto me afectaron aqueles anos no meu desenvolvemento vital posterior. Non vou negar que hai outros factores involucrados pero hoxe quero tratar este tema.

    O acoso e abuso no recinto escolar son violencias moito máis frecuentes do que calquera desexaría recoñecer. Ás veces ocorre entre o alumnado e outras chega dirixido dende o profesorado. En todo caso pode destruír a confianza e a autoestima de quen aínda está comezando a debuxar as bases da súa persoa. E con todo, non se consegue mitigar o problema, deixándoo evolucionar ata a adolescencia, momento no que se ve favorecido polo acceso ás redes sociais da xuventude.

    Tal e como as noticias do último mes nos contaron, trátase dunha problemática que empurra a crianzas e adolescentes a tomar decisións irrevogables acurtando o que debería ser unha longa e frutuosa vida. Por este motivo é preciso desenvolver ferramentas que nos permita abordala o antes posible.

    Cando intentamos tratar asuntos tan delicados durante o período infantil atopámonos desprovistos de vocabulario ou metáforas que nos permita crear unha vía de comunicación coa cativada. Moitas crianzas carecen con frecuencia de métodos cos que transmitir as súas vivencias e incluso non as saben identificar como acoso ou abuso. Como escritora e fiadora de contos pareceume que a mellor maneira de fomentar esas conversas é a de compartir o momento máxico das historias.

    Este último ano estiven traballando con Andrea Lombardía para transformar un dos meus poemas nun libro ilustrado que axudará tanto a nenos e nenas como a persoas adultas na difícil tarefa de falar sobre o acoso escolar (ou doutros tipos) e da impronta que este deixa atrás. Non agochamos a tristeza e a confusión. Non negamos a desconfianza ou evitación patolóxicas. E tampouco esquecemos mencionar o talento e capacidades que moitas veces se agochan no máis profundo das vítimas de abusos. Escribindo este conto procurei ofrecer unha guía emocional coa que explorar os sentimentos dos máis pequenos sen empregar palabras grandes.

    A imaxe está dividida en tres. Son tres momentos diferentes da creación dunha mesma imaxe. O boceto a lapis, o colereado e o perfilado. Hai unha nena mirando como come un paxaro negro dunha cunca de papas. O paxaro leva unha venda nunha á e ao fondo vese unha vela e algúns libros.

    Facendo terapia decateime de que, durante moitos anos, normalizara a tristeza e o medo como emocións da vida diaria, mesmo do minuto a minuto. Debía “adaptarme” ao grupo, “ignorar” aos abusóns e sacar un sorriso porque unha nena de catro, cinco, oito, dez anos, non ten nada de que preocuparse. Tras algún intento errado de comunicar o meu desconforto, nunha sociedade que pensa que “aos nenos hai que deixalos, que esas son cousas de cativos”, non volvín a mencionar o tema. Co tempo o meu comportamento era máis cerrado e evitativo, pero sen as preguntas adecuadas, ninguén sacaba outra conclusión que a dunha actitude pasiva ou desafiante.

    As vítimas de acoso son a miúdo castigadas con tanta frecuencia como o son os abusóns. Por iso é habitual que teman confesar o ocorrido, porque non confían en que a súa versión vaia ser crida. Se cadra, un conto non semella moita cousa, un agasallo máis de tantos que reciben. Ou poida que despois de lelo falen sobre o que lle pasou a Pomba aquel día que se encerrou no faiado, do porque está tan triste agochada nun recanto. E logo recuperen a confianza porque lembran que eles e elas tamén levan a primavera no peito.

    E se quen o le é un neno ou nena que acosa a outros, poida que finalmente comprendan como se senten aqueles dos que abusa e atope en Vida e no gato Mandarino a maneira de actuar para solucionar o seu erro.

    Pomba, a que non era é un proxecto feito porque si, sen pensar en beneficios, pois aínda conseguindo as metas do crowfunding non dará para mais que cubrir os custos. O meu compañeiro de vida, o meu gato particular, confiou na miña visión para este poema sen comprender como era posible transformalo en un conto ilustrado. Andrea Lombardía, sabendo que ía ser un reto, aceptou o traballo e esforzouse máis do que se lle podía pedir porque comprendeu rapidamente a importancia do que eu desexaba crear. Agora cruzaremos os dedos e rezarémoslle ao Deus de Goteo para que as contribucións chovan como o fai nun bo inverno.

  • O “look” que rompería co elitismo e ofrecería unha alternativa con máis conciencia de clase precisa da nosa indignación

    O “look” que rompería co elitismo e ofrecería unha alternativa con máis conciencia de clase precisa da nosa indignación

    Non vos enganedes, isto non se trata dun artigo de moda, nin moito menos dunha listaxe de consellos estéticos para disimular a nosa clase social con prendas fabricadas co sufrimento doutros. Isto trátase dunha protesta en contra da perfección, de ir de domingo un luns calquera, de ter que mercar roupa cada estación ou de desfacerse do mellor chándal só porque o xabrón o descolorou un chisco.

    Seguro que coñeces a frustración de meter na lavadora a túa camiseta favorita e que saia coa mesma mancha de tomate coa que a metiches. Frotas, volves a metela e sae un pouco máis tenue, mais segue a notarse o suficiente como para que a relegues a “roupa de andar pola casa”. Por que? Por que o facemos? Por que desprezamos a calor que nos dá, a comodidade que nos achega, todo por unha marca de medio centímetro froito da entropía que mantén este mundo a xirar.

    Négome a continuar con esta inxustiza, que comeza no tecido branco e remata na pel de quen non se pode permitir ir de compras a cada pouco.

    Un tema que me parece non recibe abonda atención en todo o debate da transición ecosocial é a roupa. Polo menos considero que non se lle está dando a reviravolta que precisa. Falamos de empregar roupa de segunda man ou mercar aquelas prendas de orixe ecolóxico que respecten os dereitos humanos. E decontado caemos no dilema de que non todo o mundo se pode pagar un xersei de setenta euros e uns vaqueiros de cento vinte. O seguinte paso é dar licencia para ser incoherentes, para que aqueles que teñan dificultades económicas non sexan xulgados á hora de acceder a roupa máis barateira e menos ética. Mais por aí non está o cambio que buscamos, non está a solución. Trátase só dun parche, dunha venda que lle poñemos ás feridas do sistema cando o sangue brota en todas as direccións.

    Por iso hoxe veño a indignarme e a reclamar o dereito de lucir esas manchas que non se van. Rexeito, ademais, a proposta de empregar químicos abrasivos para eliminalas, pois do contrario non escribiría un artigo fai un par de semanas incidindo na necesidade de evitalos. Esixo poder levar a roupa descolorada polos lavados sen que a miña hixiene se poña en cuestión. Se está descolorada será que se lavou, creo eu que a lóxica aí é esmagadora. Desprezo a ditadura da “decencia estética” que non responde a criterios de saúde ou boa convivencia.

    Atáscome nesta idea da mancha de tomate na camiseta branca porque penso que normalizala outorgaríalle liberdade ás clases máis desfavorecidas e a calquera que non sexa a elite. Aceptemos un fío solto, un botón perdido e reposto por outro que non pega, un tecido desgastado pero que aínda abriga, unha combinación de cores irreverente… Amarelo, vermello e rosa!

    Cústame moito entender o cerebro que xulga a outras persoas por como loce a roupa, pola estética que exhibe ou pola expresión artística que ofrece a través da súa vestimenta, mentres que deixa para máis adiante a conversa profunda que realmente demostra a virtude do espírito. E a pesares da disonancia cognitiva non podo negar o feito de que, durante moito tempo, tratei de axustarme a esa “decencia estética” preestablecida co fin de non sentir as consecuencias do xuízo público.

    Lembro cando estaba na universidade e contaba as moedas que levaba no peto para saber se ese día podía pedir os mesmos manxares que as miñas compañeiras ou ese día debía declararme saciada antes de tempo. O entretemento daquel grupo de rapazas coas que nunca acabei de encaixar era o típico: pasar a tarde de tendas nun centro comercial. Se a dificultade económica que eu experimentaba me facía cuestionarme os meus alimentos, podedes imaxinar o sen sentido que era para min moverme por aquelas tendas.

    A día de hoxe xa non me teño que preocupar de canto me vai custar o café e tampouco preciso mirar moito o prezo da roupa, dentro duns límites, claro, que seguimos a ser clase obreira. O que quero dicir é que aínda sen sufrilo no presente non deixo de pensar nesa rapaciña que escoitaba as críticas das súas “amigas” e era incapaz de adaptarse ao estándar que a sociedade esixía dela. E non o quero esquecer, pois lembrarme dela permíteme cuestionarme a industria de roupa ética.

    A roupa ha de ser ética, iso sempre, mais a cultura da moda precisa ser criticada tamén dende a estética. A beleza vai máis alá dunha mancha de tomate ou dun fío fóra de sitio. A dignidade humana vai máis alá do aspecto que un consiga ter, importan tamén cantos principios e valores persoais tivo que abandonar para poder obter un look “decente”. No que se refire á transición ecosocial da roupa, é imprescindible redefinir o estándar estético que consideramos necesario para tratar con respecto a outra persoa ou para manter unha boa convivencia, doutro xeito estaremos a dar voltas na rodiña do capitalismo sen chegar nunca a quebrala.

  • Dos 17 aos 85 anos, o solarpunk ten acollida

    Dos 17 aos 85 anos, o solarpunk ten acollida

    Cando lle propuxemos aos coñecidos de amarinha.gal falarmos sobre solarpunk a reacción foi bastante homoxénea: “Solarqué?” No Fediverso e noutros nichos do internert, o solarpunk é coñecido, é venerado como unha fonte de esperanza e inspiración. Pola contra, no mundo cotián dun pobo costeiro do norte lucense, o termo solarpunk, aínda que teña preto de vinte anos, parece acabado de inventar.

    O pasado venres 31 de outubro fixemos outra das nosas xuntanzas mensuais na biblioteca municipal de Ribadeo. Desta vez o peso recaeu sobre os asistentes quen foron partícipes dun taller de reflexión e creación de futuros optimistas.

    As preguntas xurdían incluso despois de escoitar a definición

    Que necesidade hai do solarpunk? 
    É tan só un xénero artístico máis?
    Que relación ten co mundo real?

    Vivimos nun contexto cheo de ansiedade, pola crise climático-ecolóxica e polos conflitos bélicos que aparecen como setas no outono. O sistema capitalista facilítanos caer na desesperación pois tornámonos moito máis manexables cando, como nos lembrou Antonio Gregorio durante a xuntaza, na nosa cabeza se escoitan ecos de Margaret Tatcher dicindo “there is no alternative” (non hai alternativa). Pois non, as alternativas hainas e delas se falou.

    Que necesidade hai do solarpunk?

    Un pobo no que traballan en colectivo montando paneles solares nun edificio e preparando o xantar con tecnoloxía low-tech
    https://storyseedlibrary.org/art/dustin-jacobus-low-tech-journal-potlach/

    A corrente que nos arrastra trata de levarnos a un futuro de dominación xerarquizado ao estilo feudal e encorchetado polos avances tecnolóxicos enfocados no control do individuo. O benestar non se contempla se non é para a elite fomentando así un ambiente de competición agresivo e violento. Non é evidente, daquela, a necesidade do solarpunk?

    Precisamos un discurso diferente que lle faga fronte a esa distopía autoimposta, que rete o imaxinario creado polos gurús tecnolóxicos, os tecnobros ou os emprendedores capitalistas que nacen cunha mina de diamantes debaixo do brazo. O solarpunk é un movemento que nos permite crear en colectivo a imaxe dunha nova sociedade que nos inspire a procurar un cambio positivo para todos. É, pois, unha alternativa á idea do fado distópico do cal nos queren convecer co fin de crear indefensión ante os abusos de poder que desexan normalizar.

    No presente determinamos a dirección do futuro a través das nosas esperanzas e expectativas. O camiño que tomamos só se debuxa cando coñecemos o destino ao que desexamos chegar. Para poder construír un proxecto novo precisamos debuxar o esbozo que nos servirá de guía, do contrario arriscámonos a deambular sen sentido vulnerables aos degoiros dos avarentos.

    É tan só un xénero artístico máis?

    Non, é un movemento que pola capacidade de influencia que posúe deixa de ser un xénero artístico para converterse nun axente transformador. Coa transmisión do solarpunk podemos inspirar, ofrecer esperanza, despertar conciencias e iniciar procesos sociais que rematen en tomas de decisión políticas.

    A arte nunca é tan só entretemento, sempre leva consigo un efecto social e neste caso falamos dun tipo de arte que como finalidade última ten a pretensión de mobilizar. De feito faino xuntando persoas de todas as idades xa que a temática non se ve afectada por un tipo de emoción asociada a unha etapa particular da vida, nin sequera se restrinxe a unha problemática social concreta, abarca con gran sensibilidade a totalidade da condición humana, pois sen esta visión holística, o movemento non podería crear un futuro sustentable e agradable para todos.

    Que relación ten co mundo real?

    Non é pouco frecuente que se interprete a idea de un mundo sustentable tal que o proposto polas ecotopías como unha simple ficción. Unha especie de momento inspirado no que a imaxinación esaxera as posibilidades. Moi ao contrario, o solarpunk pretende aterrar na realidade aquilo que levamos décadas contemplando e que, no entanto, non chega a entrar nos debates predominantes.

    Autor: Taylor Seamount
    CC BY-SA 4.0 https://storyseedlibrary.org/es/art/lino-zeddies-cologne-2048/

    Trátase de ofrecerlle un lugar ás preocupacións reais que a poboación, as súas necesidades ou as solucións suxeridas dende a base. O progreso tende a ser entendido como algo ditado pola clase dirixente quen se asume sabe mellor que ninguén o que precisan os seus cidadáns, mais sabemos que sen escoita activa as intervencións acostuman a tratarse dunha combinación de accións políticas que responden máis aos intereses dun partido que ao dos seus votantes. O solarpunk precisamente trata de solucionar iso, a través dunha expresión artística dálle voz ao pobo ao tempo que pon sobre a mesa solucións ignoradas a pesar da súa viabilidade.

    Áreas a cambiar, aquilo que protexemos e
    o coñecemento que transmitimos

    Como vos contaba antes, o taller do pasado venres recaeu na creatividade dos presentes. Como primeiro exercicio proposto (e único realizado pola abundante participación e a consecuente falta de tempo) suxerín explorar tres preguntas que me axudan a cuestionarme a sociedade actual cunha visión construtiva. Anímovos a que as respondades vós mesmo, e se é en compaña, aínda mellor.

    • Cales son as áreas que desexamos cambiar?
    • Que desexamos protexer?
    • Que coñecemento desexamos transmitir?

    Non pensedes que estas preguntas son escollidas ao azar. Cavileinas un bo pedazo. Non quería que a discusión se centrase na queixa, costume moi arraigada no capitalismo ou no cristianismo e que nos come por dentro sen permitirnos avanzar. Tampouco podemos falar do futuro que desexamos sen criticar o presente dalgún xeito, por iso pensei en “áreas que desexamos cambiar” xa que ao tratarse de áreas afastámonos da indignación persoal e achegámonos máis á colectiva.

    Considerei importante reflexionar sobre o que “desexamos protexer” porque acostumados a un sistema estractivista é fácil esquecer aquilo que é importante e merece ser conservado para sacrificalo sen escrúpulos ante a posibilidade dun novo luxo innecesario. Centrar a conversa na base que sustenta ao ser humano e á vida en xeral é a forma de que se tome a crise climática e ecolóxica en serio.

    A última pregunta, “que coñecemento desexamos transmitir”, fai referencia ao caos informativo no que vivimos, á perda de sabedoría que sufriu a humanidade debido ao colonialismo e á discriminación do coñecemento segundo este sirva ou non ao capitalismo. Recapacitar sobre a repercusión que terá aquilo que lle ensinamos aos máis novos, daquilo que deixamos plasmado en papel ou o que compartimos en masa.

    Os produtos da escoita activa

    Ao final deste artigo comparto convosco as achegas que fixeron os e as participantes do obradoiro. A maior parte delas abriron conversas que cruzaron a mesa intercambiando perspectivas que ían dende a visión dun rapaz de 17 anos á experiencia dunha muller de 85 anos, e por suposto, moitas outras entre medias. O respecto e o interese xenuíno pola opinión allea foi o ingrediente estrela xerando un ambiente cómodo para contribuír á actividade.

    Nun estilo similar a o dos nenos, vese debuxado un barrio axardinado con columpios e paseos cheos de flores. Na parte frontal hai pequenos e maiores xogando.
    https://storyseedlibrary.org/art/oh-shoot-i-arted-communal-rock-painting/

    Despois de algo máis dunha hora intercambiando ideas fixemos un repaso coa intención de concretar as solucións. Para iso empreguei unha listaxe persoal que preparei como exemplo e na que tratei de incluír todas as necesidades básicas do ser humano así como as súas diferenzas. Fíxeno inspirada no plantexamento que Ecoloxistas en Acción empregou para o material didáctico que desenvolveron no último ano baixo o nome de “Nova Cultura da Terra”.

    Os sete puntos que me escollín para crear un futuro optimista ao estilo solarpunk son os seguintes:

    1. Consumo de enerxía eficiente segundo as necesidades básicas da poboación
    2. Protección da auga: subterránea, ríos, océanos, dereito a auga
    3. Un deseño territorial que acompaña os límites ecosistémicos
    4. Dereitos básicos asegurados a través dunha distribución igualitaria dos recursos (limitados) do planeta
    5. Diversidade como fortalecemento (social e de especies)
    6. Espiritualidade enfocada nunha relación de equilibrio co resto da natureza
    7. Educación emocional e comunicativa como pila dunha política de convivencia respectuosa

    Ao afondar neste punto cada persoa sairá con solucións diferentes que se poden compatibilizar. Como vos adiantara, a continuación está a listaxe de propostas que se fixeron durante o taller. Veredes como os últimos dous puntos da miña listaxe son os que reciben máis atención. Irónicamente, na era do avance tecnolóxico o último que semella que precisamos é máis tecnoloxía. Pola contra, a maior parte dos retos que enfrontamos gravitan ao redor do vínculo humano coa natureza e consigo mesmo.

    Un paseo xunto a un río e preto dun edificio de dúas plantas e ducias de metros de longo. Todo o terreo entre o río e o edificio está cuberto de plantas e animais. O camiño e os bancos están cheos de xente, uns descansando e outros socializando
    https://storyseedlibrary.org/art/dustin-jacobus-water-street/

    Espero que non vos deteñades só na lectura destas ideas senón que as tratedes de colocar en cada un dos puntos e incluso engadades as vosas propias. Incido novamente en que o podedes facer mellor en compaña, durante unha clase ou cos socios do voso colectivo favorito. Canto maís falemos das posibilidades que ofrece o futuro e nos deixemos de fatalismos, máis preto estaremos de poder dar ese cambio que desexamos, precisamo, e sobre todo, podemos levar a cabo.

    • Creación diversa e local de roupa ou música, por poñer un exemplo de produto artístico. Dar valor ao arte como propósito.
    • Prestarlle máis atención ás persoas maiores (avós e avoas) como ás novas xeracións.
    • Reducir o ruído ambiental que acompaña a todo tipo de celebracións e actividades.
    • Cambiar a visión sobre os coidados, velos máis como unha oportunidade e algo do que aprender. Non só na familia ou lugares específicos, estender os coidados a todos os ámbitos da vida en sociedade.
    • Fomentar o pensamento crítico da xente, reflexión sobre o que se nos está a ofrecer ou o que facemos no día a día (protección de datos nas redes, por exemplo).
    • Cuestionar a necesidade da dixitalización e determinar que casos son máis ben unha Imposición.
    • Educación na reutilización e en compartir dende nenos(compartir/herdar/prestar libros, roupa, xoguetes…)
    • Maior comunicación entre persoas e comunidades proporcionándolle máis espazo ao desenvolvemento da intelixencia emocional e os valores compartidos e claros. Relacionarse sens transaccións económicas. Abordar con máis preocupación o tema dos nenos con móbiles dende bebés.
    • Transmisión de vivencias da xente maior. Familia, veciños e vínculos en xeral. Fomentar a tradición oral como ferramenta para crear e fortalecer relacións.
    • Cuestionar a esixencia de tomar partido en polos opostos e fomentar a conciliación entre distintos puntos de vista.
    • Afastarse do positivismo por ser unha imposición e superficial. Permitir sentir diferentes emocións segundo as circunstancias.
    • Educar de xeito ameno para xerar maior motivación e así alimentar os talentos dos alumnos. Reducir o número de contidos. Dar liberdade aos profesores fora das notas.
    • Fomentar talentos individuais e diversos.
    • Incluín no currículum universitario materias que che ensinen a defenderte no mundo e a xestionar a vida.
    • Importancia da persoa por riba da profesión. Dar importancia ao que cada quen quere ser ou como enfocar a vida e eliminar a xerarquía social segundo o tipo de traballo que se fai.
    • Menos individualismo, dar importancia ao que afecta á xente do entorno incluso se non os coñeces ou non compartes as mesmas problemáticas.

    Moitas grazas se chegache aquí. Espero terche removido un pouco o miolo ou polo menos xerarche un pouco de esperanza.

    Reaccións do Fediverso
  • Basta de tecnoloxía para curar o cancro, fagámola para evitalo

    Basta de tecnoloxía para curar o cancro, fagámola para evitalo

    Durante oito anos traballei na sanidade vendo como os meus pacientes se enfrontaban aos retos do cancro. Eu mesma perdín a meus pais por esta enfermidade a moi pronta idade. E aínda así cada vez que vexo un anuncio de protesta contra o cancro, non acabo de comprender a súa finalidade.

    Resúltame absurdo considerar o cancro como un axente social que destrúe vidas, un axente que hai que investigar e combater coma se fose un inimigo con intelixencia. O cancro é un proceso pouco ordenado iniciado por unha mutación, non ten entidade propia e rara vez aparece por xeración espontánea. Nos anuncios de concienciación contra o cancro sempre se fala de que precisamos máis inversión para atopar novos tratamentos, máis oncólogos e mellor equipamento tecnolóxico para detectalo, coma se estivese agochado en nós á espera do momento perfecto para emboscarnos e invadir o noso corpo. É unha idea que está moi estendida e que, insisto, é un pouco absurda.

    A maioría dos cancros están estreitamente relacionados coa exposición a produtos químicos, radiacións ou outros elementos tóxicos xeradores de mutacións. Ás veces ocorre na vellez e outras en idades máis temperás, non por iso é o demo quen se encarga de espallalo. Espallámolo nós a diario e de forma voluntaria, xeralmente, sen sabelo.

    Con isto non quero dicir que as persoas que sofre a enfermidade do cancro non merezan recibir unha atención adecuada. Obviamente, unha vez que alguén se atopa nesa situación a sociedade debe responsabilizarse de forma colectiva para prestarlle os coidados que precisa. A miña indignación radica en que protestamos máis pola falta de recursos para tratar o cancro que pola gran cantidade de actividades que os están a provocar, e ademais, legalmente. Centrámonos no tratamento e esquecemos por completo que un alto porcentaxe desta enfermidade podería ser evitado.

    A invisibilización dos disruptores endocrinos

    Recentemente houbo polémica en Andalucía porque o goberno autonómico, no canto de enfrontarse aos resultados que mostraban as exploracións preliminares de cancro de mama, decidiu ocultar información clave eliminándoa dos informes. Unha revolta lexítima para o pobo pero de pouco alcance e reducido carácter transformador. Andalucía é unha autonomía con abundante agricultura extensiva que botou man dos pesticidas e fertilizantes químicos para medrar. A evidencia científica leva tempo alertando do vínculo que estes produtos teñen en específico co cancro de mama debido a que se tratan de disruptores endocrinos, un tipo de sustancias que afectan ao sistema hormonal desencadeando procesos canceríxenos. Mais, cando a Unión Europea decidiu manter os niveis de glifosato que se podían empregar nos cultivos, boa parte da sociedade permaneceu allea a este tema, máis preocupados das complexidades que unha transición ecolóxica podería traer á industria agraria que da cantidade de vidas que o cancro trunca cada ano.

    A lista de contaminantes que se poderían reducir é por desgracia moi longa pero como parte positiva tamén se trata dunha extensa listaxe de accións que repercutirían positivamente no control do cancro e na mellora daqueles que xa o padecen. Algunhas sustancias como o tabaco ou o alcohol poden ser culpadas aos hábitos das persoas, sempre que non teñamos en conta a publicidade e a presión social que rodea o seu consumo, porén cousas como os químicos que se atopan nos produtos de beleza ou de hixiene corporal son eleccións que deixamos totalmente en mans das empresas manufacturadoras. O mesmo ocorre cos produtos de limpeza, tanto os industriais como os domésticos. A gran maioría posúe sustancias altamente tóxicas que son absorbidas a través da pel ou por inhalación, incluso os deterxentes da roupa fican adheridos ao tecido unha vez pasaron pola lavadora facendo que cada vez que a poñemos nos expoñamos a estes tóxicos.

    As maiores consecuencias recíbenas a xente máis nova. Cando entramos en contacto con radiacións ou químicos a pronta idade, existen máis posibilidades de que as mutacións adquiridas pola exposición evolucionen cara a unha enfermidade na idade adulta. Os plásticos que se poden atopar en moitos xoguetes son unha desas fontes de tóxicos que xunto cos produtos de hixiene e a contaminación ambiental xeran un efecto acumulativo nos corpos provocando cambios moito máis severos que os estudados pola ciencia de forma individual.

    Podería incidir en outras moitas medidas que se poderían tomar a nivel sistémico para realmente “combater” o cancro de forma efectiva pero prefiro que se vos xurde interese neste tema busquedes nomes como o de Carmen Valls Llobet, médica especializada en endocrinoloxía e medicina con perspectiva de xénero e profesora na Universidade de Barcelona, ou Nicolás Olea, catedrático de radioloxía e medicina física no Instituto de Investigación Biosanitaria da Universidade de Granada. Ambos son profesionais que dedican o seu tempo a estudar e divulgar esta temática.

    Pensemos en solucións que nos activen e enchan de esperanza

    Tras ler artigos coma este nos que se mostra unha situación indignante podemos caer con facilidade na frustración por iso non quero deixar o texto nunha nota tan incómoda de escoitar. Pese a que a situación do medio ambiente é preocupante e problemática para a nosa saúde, non debemos pensar que non existen alternativas en marcha ou accións que podemos levar a cabo para protexernos.

    Como exemplo gustaríame falar da transición ecolóxica que se iniciou en México dende a universidade e que agora a está a aplicar o propio goberno estatal. Ten como obxectivo eliminar os fetilizantes e pesticidas químicos das súas terras e deixar de depender da industria química sustituíndo o método que estas ofrecen por enxeñería biolóxica. México é un país moi afectado polas consecuencias destas substancias xa que é un país altamente agrario e durante décadas, do mesmo xeito que lle ocorreu a Andalucía, dependeu dos “milagres” da revolución verde para desenvolver a súa produción. Hoxe en día están a ser un exemplo do que significa levar a cabo unha transformación do sistema xa que as explotacións que se van sumando ao cambio están a identificar melloras tanto na calidade dos seus produtos como na calidade de vida das persoas involucradas sen sufrir consecuencias que desestabilicen os seus negocios.

    No referente ao que un consumidor perdido na xungla do capitalismo pode facer teño un par de consellos que aínda sendo sinxelos chegan moi lonxe. O primeiro é evitar calquera alimento procesado e consumir froitas e verduras locais ou tan sequera de orixe europeo. En cidades de varios millóns de persoas poida que isto se dificulte, pero no territorio galego, acceder a un mercado local é relativamente fácil, e hoxe en día incluso se poden facer encargos se non se pode acudir todas as semanas.

    O segundo trátase dunha aplicación de móbil chamada Yuka que identifica produtos de beleza segundo o nivel de toxicidade empregando un código de semáforo. Unha das dificultades que atopaba fai anos para mercar produtos adecuados era o descoñecemento de todas as substancias tóxicas que hai. Nesta aplicación podes ver que compoñentes son os que a evidencia apunta son prexudiciais e cales son seguros para ser consumidos.

    No ámbito alimentario tamén se está a desenvolver outro proxecto similar cunha aplicación chamada OpenFoodFacts e que tamén ofrece información particular sobre moitos alimentos segundo as túas preocupacións particulares, incluíndo tamén a orixe ética dos mesmos.

    O enfoque que lle damos ás nosas protestas fai a diferenza

    A miúdo cando nos indignamos por inxustizas ficamos na superficie do problema e esiximos cambios pouco significativos. Considerando o contexto de crise(s) no que nos atopamos non é sorpresa que nunha mesma semana haxa numerosas protestas por temas moi diversos. Por iso penso que é moi importante escoller as nosas batallas e non deixarnos levar por unha queixa baleira carente de perspectiva. É importante que enfoquemos as nosas loitas cara solucións realistas que nos proporcionen melloras a longo prazo. Non podemos conformarnos con parches que atrasen o colapso social un tempo limitado e nin sequera alivien o noso sufrimento. Escollamos unha dirección antes de empurrar con todas as nosas forzas.

  • Walden, un libro esaxerado para expresar unha idea que urxe dende 1845

    Walden, un libro esaxerado para expresar unha idea que urxe dende 1845

    Fai pouco rematei de ler Walden, de Henry Thoreau. É un deses libros moi recomendados e que dan moito que ler. Fálase moito del no mundo do ecoloxismo polo seu carácter inspirador e pola gran cantidade de páxinas que dedica a describir a natureza e os seus procesos. Poderíase considerar un ensaio, aínda que non creo que o seu formato sexa exactamente ese. Ata certo punto é unha biografía mais con frecuencia divaga sobre temas que o interesan.

    A mediados do século XIX, Thoreau decidiu construír unha cabana xunto ao lago Walden e levar unha vida austera en contacto coa natureza nun período de algo máis de dous anos. Por que dous anos? Non chega a especificar os motivos de facelo durante vinte e seis meses, e tampouco de non estendelo máis no tempo. En todo caso, empregou a ocasión para cambiar os seus hábitos e vivir dun xeito diferente ao que acostumaba e ao que a sociedade comprendía como razoable.

    Cuando escribí las páginas que siguen, al menos, su mayor parte, vivía solo en el bosque, a más de un kilómetro de distancia del vecino más próximo, en una casa que había construído yo mismo, a orillas de la laguna Walden, en Concord, Massachusetts, y me ganaba la vida con la sola labor de mis manos. Viví allí dos años y dos meses. Ahora participo de nuevo de la vida civilizada por un tiempo.

    No impondría el tenor de mis asuntos a la atención de los lectores si mis paisanos no hubieran realizado pesquisas muy concretas sobre mi forma de vida; asuntos que algunos tildarían de irrelevantes, aunque a mi no me lo parezcan en absoluto, sino cosas muy naturales y que vienen muy a cuento de las circunstancias.

    Neste libro o autor critica a sociedade e a súa relación co traballo e o consumo, é dicir, critica o capitalismo. Insiste en que todos poderían traballar moito menos se tiven uns hábitos menos custosos. Presume de ter construído a súa cabana co gasto dun mes de calquera outra persoa e chega a suxerir prescindir do café e do té, considerándoo un luxo que non engade á boa alimentación dunha persoa. Este é un dos motivos polos que penso que se trata dun experimento.

    Durante os dous anos que pasou xunto á lagoa, Thoreau alimentábase con papas e con algún legume que cultivou. Ou así o dicía ata que confesa aproveitar aquelas ocasións nas que comía fóra da casa para obter unha achega de comida máis sofisticada. Hai quen o critica por esta razón, porque o certo é que vivía a un par de millas (3,2km) de Concord, unha vila con todos os servizos dos que se podía dispoñer naquela época. Visitaba á familia e amigos con frecuencia e incluso desfrutaba de pasear xunto a vía do tren que o levaba directamente á vila. Con todo, é innegable que pasou eses dous anos con escasas pertenzas e consumindo o mínimo para soster a vida. E sobre todo, observando o medio que o rodeaba como principal actividade e pasatempo.

    Tras ler o libro, a miña conclusión é que, lonxe de tratarse dun cambio de vida, era sen dúbida un experimento. Precisamente o feito de que tivese data de vencemento fixo que Thoreau se atrevese a chegar aos extremos. Xa o dixo Viktor Frankl cando citou a Nietsche: se temos unha boa razón podemos soportar case calquera condición. O autor de Walden quería expoñer unha argumentación anticapitalista nun momento no que a idea mesma de que o sistema fose nocivo considerábase un despropósito. Se hoxe en día a maior parte da sociedade adquire unha posición escéptica sobre o tema, fai preto de douscentos anos propoñer unha perspectiva tan contraria á hexemónica era verdadeiramente disruptivo.

    Coido que por iso Thoreau decidiu esaxerar nalgunha das súas prácticas e incluso na súa retórica. A minuciosa crítica que lle fai aos seus propios veciños e ao conxunto do país en xeral é unha chamada de atención. Como calquera artista e en especial filósofo, procura despertar consciencias impactando e provocando ao lector. Se decidise ser menos condescendente e máis compasivo coas decisións de vida daqueles que o rodeaban probablemente nunca conseguise comunicar a mensaxe que precisaba transmitir.

    Na primeira parte do libro é na que se atopa a súa visión filosófica a excepción do capítulo final. O libro comeza cunha crítica sagaz da economía mostrando os detalles da dieta financeira que levou aqueles anos. Nun comezo pode resultar algo excesivo, tantos números e contas para simplemente dicir que evitou gastar diñeiro se podía reciclar materiais. Mais segundo avanza o capítulo ves como se acumulan as reflexións e as punzadas coas que Thoreau desmonta a lóxica da cultura capitalista.

    Na segunda parte é onde se centra en expoñer aquilo que el mesmo vía nas longas horas de contemplación dedicadas ao escenario de Walden. Describe o comportamento despreocupado da fauna ou a profundidade da lagoa en diferentes momentos do ano. Foi aquí onde a miña atención se viu comprometida, non porque non me interesen as historias sobre a vida na natureza, senón porque houbo momentos nos que a cantidade de detalles superaba as necesidades comunicativas.

    En conxunto, o libro ofrece unha base de reflexión e proporciona unha nova perspectiva do que é vivir como parte da natureza. A pesar da dedicación que lle dá a certas descricións, hai momentos nos que a súa elocuencia é maxistral ofrecendo argumentos que incluso a hoxe continúan a ser básicos na loita anticapitalista e que, sendo ditos fai tantas décadas, aínda precisan ser repetidos ata a saciedade. Malia que non é un libro lixeiro é unha obra que motiva a conciencia activista e reconforta no illamento ideolóxico no que a minoritaria visión anticapitalista ás veces nos deixa.

  • Esperar a que se alcoholicen para ter conversas profundas

    Esperar a que se alcoholicen para ter conversas profundas

    Este último mes tiven dúas vodas. Tratábanse de bos amigos así que aínda que me coincidiron moi xuntas fun contenta de poder acompañalos nun día tan especial. As vodas non son un ambiente no que eu me desenvolva ben pois trátase de moitas horas constantes de socialización o que me esgota bastante.

    En ningunha das dúas vodas bebín alcohol. Semella un dato insignificante no que pode ser a descrición dun día, mais teño a impresión de que todo o mundo que lea isto pode imaxinarse o carácter “transgresor” da miña decisión. Ultimamente non desfruto moito do alcohol polo que se hai que escoller condutor designado sempre me presto voluntaria. Por riba, como xa contara noutro post, sei que unicamente o ruído xa me vai producir unha resaca considerable polo que non me apetece engadirlle alcohol á mestura. E por último, o máis obvio e o máis obviado: o alcohol non é bo para a nosa saúde.

    Conseguín pasar a recepción sen que ninguén me insistise en probar o viño. Semella que se decides substituír o alcohol polo azucre dun zume ou refresco, unha pasa máis desapercibida. O problema é cando te pasas á auga. Iso que cría ras. Tanto os camareiros como os compañeiros de mesa pregúntanche duascentas veces se queres algunha bebida alcohólica e logo, como preocupados e entristecidos, ofrécenche algún refresco gaseoso para tratar de aliviar a túa “sosura”.

    A abstinencia déixate nunha posición apartada. Has de ter unha boa razón para comportarte de forma diferente ao grupo ou serás cuestionada. Tamén ten outras desvantaxes, sobre todo se es unha persoa que non desfruta da cháchara, da conversa superficial que a maioría da xente precisa para poder sentirse segura con outras persoas. No pasado teño empregado esta droga socialmente aceptada para introducirme na dinámica pero hoxe en día xa non me apetece facelo.

    Mentres as horas pasaban, funme decatando de como a conversa evolucionaba. Gústame estudar ao ser humano e aprender dos comportamentos que estes exhiben individualmente e en grupo. O que descubrín sorprendeume: o diálogo non evolucionaba co tempo, senón coa cantidade de alcohol que se ía consumindo.

    Vivimos nunha sociedade na que o amor e a amizade cada vez son máis escasos. As aplicacións de citas converteron a procura do amor nun produto máis e a psicoloxía mainstream occidental incítanos a facer o mesmo con calquera tipo de relación persoal. Os conflitos xa non hai porque resolvelos, senón que podemos optar por abandonar a relación e buscar unha nova, ao fin e ao cabo somos máis de oito mil millóns de persoas. Outra opción é deixarnos levar polo medo a vernos abandonados nós mesmos e preferir ancorarnos a relacións deficientes que afunden a ambas partes coa única intención de mostrar unha imaxe social de acompañamento. O certo é que hoxe en día, o ser humano non se pode sentir máis só.

    Non vou ser eu quen critique a soidade física pois desfruto do silencio e do tempo persoal como a que máis. Precísoo, a dicir verdade. Neste caso estou a falar da soidade emocional, ese sentimento que apesara o corazón e que nos empurra a buscar solucións químicas para soportar a dor que xera. Esa soidade pódese sentir con grande intensidade cando un está rodeado de xente. Trátase dunha desconexión persoal co tecido humano, unha falta de interacción con outras consciencias, unha sensación de incomprensión que só a comunicación pode resolver.

    Dende o meu recanto do mundo, a cháchara non é comunicación. A cháchara é un ritual que moitos precisan pero que non deixa de ser un acto superficial. Durante as primeiras horas de voda sentín que me illaba non meu mundo interior pois non sabía como navegar aquela marea de comentarios e chistes que si ben conseguían encher o silencio cun murmurio incesante, non me chegaban a interesar.

    Fai un tempo falei deste tema con varias persoas quen me contaron que perderon aos amigos por decidir non beber. Negarse a participar no ritual alcohólico pode mostrar a realidade dunha amizade desvelando as súas deficiencias ou a súa inexistencia incluso. Aínda que si que teño experimentado este rechazo en algunha ocasión, teño que admitir que nunca perdín a ninguén que lle tivese grande aprecio por mor da sobriedade.

    Cheguei a pensar que esta aversión miña pola cháchara era un verdadeiro problema. Desexei ser capaz de desfrutar dos chistes manidos e dos dobres sentidos. Fiquei observando e aparentemente todo o mundo estaba conectando cos demais. A interacción era fluída e as respostas seguían con rapidez ás preguntas. As reaccións estoupaban en risas. E as copas ían baixando.

    Tiven que tomarme varios descansos daquel repenicar constante. O tira e afrouxa de insinuacións e ironías, aínda que inofensivas, resultábame esgotador. Saín ao baño, a tomar o aire, a sentar en silencio. E regresei cun pouco de enerxía recuperada para continuar navegando aqueles mares.

    E de súpeto, cando unha copa xa caera e algún comensal comezaba a arrastrar as palabras, a autenticidade agasallounos coa súa presencia. Pouco a pouco, as máscaras rachábanse e entre as gretas coábanse expresións de profunda honestidade, declaracións de vulnerabilidade ou mesmo de amor e amizade. As conversas comezaron a interesarme porque xa non precisaba descodificar mensaxes ocultas nin ficar na superficie de sentimentos complexos. Agora afondábase na fermosura e penurias da vida sen medo nin covardía. A vertixe que moitos semellan experimentar ao ver as súas emocións expostas foi anestesiada polo alcohol permitíndolles voar. Comprendo que no mundo hai individuos que ante a vulnerabilidade dos demais só pensan en convertela nunha arma e aproveitala para se beneficiaren a costa do vulnerable. Sei que ese temor é lexítimo mais como todo medo, este non debe converterse nunha barreira para nós vivirmos.

    Se esquecemos as consecuencias que esta sustancia ten sobre a nosa saúde, poderíamos pensar que o alcohol lle permite á humanidade comunicarse mellor. Ata certo punto, semella que é así. Nun tempo pasado no que a cultura non posuía outras formas de libre expresión seguramente cumpriu unha función. Porén o obxectivo de toda civilización é o de organizarse e relacionarse cada vez mellor.

    Por desgraza, o que dicimos por mor do alcohol non ten o mesmo valor que aquelas difíciles palabras que pronunciamos dende a sobriedade. O diálogo empapado de sustancias sempre pode ser retirado para logo culpar á embriaguez. Tampouco nos cremos do mesmo xeito o que nos di un amigo borracho que o que nos di un amigo que se sincera. O velo que cae sobre nós pode embelecer o momento pero non o fai máis auténtico . O alcohol fai que o risco emocional sexa menor pero a ganancia da relación tamén o é.

    Reaccións do Fediverso
  • Os trasnos e os activistas mitolóxicos arredor do mundo

    Os trasnos e os activistas mitolóxicos arredor do mundo

    Na illa de Okinawa (Xapón) chámanlle Kijimuna, ten o aspecto dunha crianza de tres anos e leva o cabelo de cor vermella intensa. Na península do Labrador (Canadá) os Innu falan de Kuekuatsheu, un pequeno mamífero carnívoro que se asemella a un osiño con mal xenio e musculoso. No norte da penínusla ibérica, puxémoslle o nome de trasno, trasgo ou tragu a unha criatura humanoide de cor verdosa ou amarronada con orellas puntiagudas que acostuma a facer picardías.

    Cada cultura ten o seu personaxe que representa a necesidade dun caos controlado que mostre unha perspectiva diferente e así abra novas vías de pensamento e reflexión. Os gregos tiñan aos sátiros e os romanos aos faunos, ambos cun corpo que era metade humano e metade cabra. Os celtas irlandeses botan da man das fadas (sidhe) para exemplificar a eses seres divertidos e caprichosos capaces de outorgar bendicións ou causar desgracias. E na espiritualidade Yoruba dáselle o nome de Eshu, entre outros, a un importante mensaxeiro da divinidade que resulta imprevisible que se mostra áxil e disposto a ser retado.

    Traviesos, erráticos, divertidos, inesperados, caprichosos, temperamentais.... Coa capacidade de resolverlle grandes dificultades ao humano ou de poñerlles complexos atrancos. Xenerosos e vingativos. 

    Non importa que cultura antiga estude que acabo atopando un personaxe con estas características. De feito, non só todas elas lle deixan un oco na súa mitoloxía e espiritualidade, senón que se lles presta unha atención especial.

    Estes seres son, con frecuencia, os protagonistas de historias contadas con obxectivos educativos. Non son historias sinxelas, prestan unha base para a reflexión. Estes bromistas simbolizan a capacidade de adaptabilidade e supervivencia do ser humano, a miúdo empregando a intelixencia e o humor para navegar e desafiar as normas sociais.

    Teñen tamén un marcado sentido da xustiza con principios moi asentados que defenden con bravura. Se os límites do que protexen son transgredidos, non dubidan en reaccionar con ímpeto e ferocidade ata que se restablece o equilibrio.

    Non se asemella todo iso ao activismo?

    É ben sabido que a nosa sociedade actual mora lonxe da espiritualidade como se esta fose unha debilidade, e non un complemento, para o pensamento científico. Os gobernos e autoridades están castigando e perseguindo a activistas que ousan desafiar as normas para denunciar causas tan xustas como a climática ou a palestina. Apoiando esa contrariedade o groso da poboación cuestiona os métodos do activismo, que si estragar un cadro do Museo do Prado é un acto inadmisible, que si deter un acto deportivo como a volta ciclista é problemático…Todos eles actos pacíficos pois afástanse da revolución tradicional que se mal non lembro era armada. E mentres tanto, os desastres naturais repítense e os mortos en Gaza aumentan porque antepoñemos un obxecto artístico ou un entretemento televisivo á vida de miles de millóns de persoas.

    Segundo as culturas antigas, os límites dos dereitos humanos universais non poderían ser atravesados sen que os temperamentais bromistas fixesen algo ao respecto. A sabedoría parece dicirnos que a rebelión feita con gusto e alegría, é o mellor camiño para defender os lindes da humanidade, da empatía, da sensibilidade. No canto de encadear a dúas activistas por emporcar un cadro, ou a un cantos rapaces por entorpecer unha carreira, podemos culpar aos trasnos pois sendo protectores da natureza ao seu particular estilo, non cabe dúbida de que terían moito que dicir.

    Reaccións do Fediverso
  • En Palestina está o futuro do teu fogar, a túa familia e a túa vida.

    En Palestina está o futuro do teu fogar, a túa familia e a túa vida.

    O cambio climático é un síntoma da enfermidade de avaricia máis coñecida como síndrome capitalista, o xenocidio do pobo palestino non é máis que outro.

    Todos estamos coa causa, escóitase dicir á maioría que fica en silencio, as guerras non gustan a ninguén, como si se tratase dun suceso alleo a nós, como si non nos afectase directamente. O xenocidio do pobo palestino non é unha atrocidade de ocorre a miles de quilómetros, é algo que se desenvolve a diario nas nosas vidas. Trátase dun sistema socioeconómico que se sustenta na violencia indiscriminada e na explotación máis eficiente. Un capital que para sobrevivir ao fin do sistema que o xustifica precisa da guerra como o ser vivo da auga.

    Recentemente, Netanyahu fixo alarde dun delirio enmascarado de sentimento relixioso que ameaza ao pobo de Israel coa súa autodestrucción en base a unha esperanza pouco realista de que un salvador mitolóxico (o mesías) o veña a salvar. Como argumento para un filme de Marvel está moi ben, no entanto, á hora de dirixir un país resulta unha loucura.

    O estado zionista de Israel busca a loita definitiva contra o mundo enteiro a través do sacrificio humano de nenos palestinos. Incapaz de vencer a vontade dun pobo que resiste aínda nas condicións máis precarias, Netanyahu decidiu empregar a desesperación como estratexia de guerra. Pouco a pouco a súa corrupción política foise desvelando e non só o seu posto como presidente perigaba, tamén a súa liberdade, polo que se viu entre acorralado. Tal como conta o relato do xeneral chinés, cando viu que o combate chegaba ao seu fin e a derrota era inminente levou ao seu batallón, neste caso a un país enteiro, ata as beiras dun río, o río da decencia humana. Ese día foi no que tras crear e incentivar a organización de Hamas, decidiu empregala como chío expiatorio para inicial un xenocidio. Á beira da indecencia onde se desprezan os dereitos humanos, ignorantes da posibilidade de se rendiren, os seus soldados e cidadáns israelís atopáronse cunha encrucillada, a crueldade xa comezara e eles non eran nin conscientes de que as súas mans estaban cheas de sangue.

    Cando estas a piques de perder unha batalla como é o caso da carreira política de Netanyahu, podes renderte e aceptar a túa derrota ou podes guiar aos teus soldados ata colocalos entre a espada e a parede para que decidan loitar ata a morte. Nunha das últimas enquisas deuse a coñecer que o 47% dos israelís están de acordo con exterminar aos seus inimigos, actitude que lembra moito ao caso do guerreiro que pelexa pola súa propia vida. Os israelís non loitan pola súa propia vida mais si por defender a súa identidade, o seu ego. Durante anos permitiron o asasinato de seres humanos, e en particular, de crianzas, afundíndose na miseria espiritual e emporcallando a súa moral. Chegados a este momento, recoñecer o xenocidio do cal son partícipes xa sexa por intervención directa como por neglixencia é incriblemente doloroso, que lles queda, pois, mais que prestarse voluntarios a colaborar no delirio relixioso do seu ditador. As crenzas relixiosas sen autocrítica converte ao ser humano en presas de psicópatas na procura de servos descerebrados. Así que, si, os turistas israelís que este verán xeraron alborotos por todo o mundo probablemente non crean que matar nenos está ben, o máis seguro é que non queiran recoñecer que é iso o que co seu silencio levan tanto tempo facendo.

    Porén, a hipocrisía non se limita ao pobo israelí, o mundo enteiro, aferrándose ao capitalismo, un sistema económico inherentemente antidemocrático, non fai máis que lexitimar o que ocorre en Palestina. Este xenocidio, xunto con outras moitas guerras que houbo e aínda hai como a de Xemen ou Sudán, trátase dunha representación relixiosa do aceleracionismo , esa corrente de pensamento promovida polos capitalistas que non só se negan a deter a explotación que produce o crecemento económico infinito senón que apostan por pisar o acelerador e xerar unha situación aínda máis nefasta mentres confían en que o desenvolvemento da intelixencia artificial resulte nunha singularidade que nos salve a todos. Outro mesías que, si ben este non está vivo nin ten corpo de carne e óso, si consume enerxía e precisa de recursos como metais e minerais de terras raras para existir; é dicir, unha idea co mesmo grado de delirio tendo en conta o contexto da crise climática.

    O xenocidio do pobo palestino une ao pobo israelí que ansía atraer a un mesías que os salve de confrontar a realidade. O cidadán que apoiou o sistema capitalista como xerador de prosperidade e observa como as novas xeracións se vén privadas do básico e só esperan máis precariedade, teme recoñecer a súa equivocación e busca crear ese mesías soñado co impulso tecnolóxico que o capital considera conveniente impulsar. E que pasa cos resto? Cos que espertamos do soño, cos que saímos do delirio e desexamos avistar a realidade que nos alberga co fin de responsabilizarnos e crear un futuro mellor? Que podemos facer?

    Grafitti do "Camiño á Paz" feito sobre o muro de Netiv HaAsara preto do boder con Gaza. Unha pomba branca sobrevoa a mensaxe escrita en inglés "Path to Peace" que tamén aparece en hebreo e árabe.

    Os movementos sociais do pasado foron tradicionalmente acompañados de violencia. Para moita xente a revolución semella ir sempre acompañada do adxectivo “armada” pois a protesta pacífica non se lles presenta suficiente. Non se lles pode culpar sendo que incluso nos países máis democráticos do mundo vemos como o noso voto non cambia en demasía as dinámicas estruturais da sociedade. Non por iso debemos abandonar a protesta e manternos afastados da violencia, a única maneira de facerlle fronte á crueldade é mantendo a coherencia entre o noso discurso e as nosas accións.

    Se optamos pois polo camiño da paz, as regras non foron escritas. É un proceder que precisa ser inventado, os seus métodos chegan ata onde chegan porque non foron aínda desenvoltos. Insisto, non por iso debemos desistir, pois o existe o camiño incluso cando nós descoñecemos a ruta. Por sorte temos compás, fío e agulla. Miramos ao norte que é a procura dun mundo baseado na paz e fiamos redes sobre as que poidan caer aqueles que o sistema deixa caer entre as gretas. Resistimos a tentación de converternos en servos da rabia e a avaricia. Dedicamos tempo a imaxinar a alternativa, a falar dela cando lidamos cos que desesperan para que eles tampouco caian nas trampas do ego. E seguimos protestando pacificamente cada día que temos a oportunidade de facelo, sempre opoñéndonos ao xenocidio do pobo palestino sen favorecer o delirio de guerra relixiosa dos seus asasinos.

    Pero non abonda con iso, non chega con alzar pancartas ou escribir artigos de blog. Non abonda con saber que o sistema debe cambiar, non chega con desexar o cambio, o cambio hai que propicialo. Por sorte, vivimos inmersos no capitalismo, e do mesmo xeito que nos ten agarrados, tamén depende de nós. O capital depende da nosa forza de traballo, do noso consumo, da nosa cooperación. O capital ten máis que perder do que realmente cremos nós. A bolsa baséase nas nosas crenzas, no momento que deixamos de crer nas súas compañías, estas deixan de existir en cuestión de días. Se deixamos de consumir os seus procesados envelenados, estes deixarán de ser producidos. E sobre todo, no momento que deixamos de traballar para eles, o seu capital podrece.

    O traballo é a fonte de riqueza do ser humano, non porque se venda aos capitalistas, senón porque con el moldeamos a realidade material pero tamén a inmaterial. Non podemos continuar ignorando o poder que si temos para deixarnos fascinar polo poder que o 1% da poboación acumulou a costa de nós lles fiar o noso tempo de vida. Ser intolerantes co capital mal invertido é urxente pois trátase da plusvalía que fai uns séculos o ser humano soñaba con inverter nun futuro máis igualitario e sostible que nos permitise desfrutar máis das nosas vidas.

    Se temos a posibilidade de traballar menos para o capital e decidimos pola contra inverter esa forza de traballo en construír redes e en transformar a cultura da Terra, temos daquela un poder de acción enorme, temos a capacidade de cambiar as cousas.

    Deixar de traballar para o capital maniféstase de moitas formas. Modificar o noso consumo para consumir menos e mellor redirixe o fluxo de diñeiro cara proxectos transformadores e alimenta a procreación doutros similares. Boicotear a grandes emprezas é crucial. Escoller o emprego segundo a pegada que deixa na sociedade e non o estatus social ou económico que a un lle proporciona forza ao capital a apostar por inversións aliñadas cun futuro igualitario e sostible. Rexeitar empregos que ofrecen grandes cantidades de diñeiro por levar a cabo proxectos nocivos é crucial. Ser valente á hora de tomar este tipo de decisións ten moita máis significancia da que se lle está a dar. Unha soa pinga de auga non molla, iso é certo, pero non podemos esquecer que a goteira que nos inundou o faiado estaba feita de moitas pingas de auga individuais que persistiron en facer uso da mesma forza de gravidade da que todos desfrutamos. Insistir no punto débil do capital, e por ende do financiamento de Israel como estado xenocida, é crucial.

    Reaccións do Fediverso
  • Agora que Deus está morto, adoramos a Santa Serotonina

    Agora que Deus está morto, adoramos a Santa Serotonina

    Os modelos de psiquiatría queren dar respostas demasiado sinxelas aos síntomas psicolóxicos e aos denominados trastornos. Hai uns días, para a miña sorpresa, escoiteille a un psiquiatra, o doutor José Luis Marín, falar deste xeito sobre a coñecida teoría da serotonina. Resulta esperanzador ver que, tras numerosos estudos e aínda máis testemuños de pacientes, por fin algún psiquiatra de prestixio recoñece publicamente que a falta de serotonina non é a causa da depresión nin de ningún outra afección.

    Na súa intervención, Marín explica que no seu momento el tamén se sentira atraído pola idea de comprender todo o que ocorre dentro das nosas cabezas cun sinxelo modelo. Por desgraza, iso non é posible, pois non somos só moléculas químicas e neurotransmisores (que por certo hai miles), tamén somos un corpo e unhas experiencias, somos un contexto e unha cultura.

    E na cultura precisamente se ancora esta visión simplista do malestar humano. O dualismo de corpo e mente esnaquizounos ata converternos en maquinaria. Como calquera ferramenta de traballo, cando non funcionamos asúmese que debemos ser arranxados axustando o líquido dos freos ou cambiando unha torca. Moitos profesionais e outros tantos pacientes, aférranse a esta idea da Santa Serotonina porque non desexan afrontar unha realidade descomposta moito máis complexa de reparar.

    Crer para non se defender

    No seu momento, a crenza relixiosa permitiulle aos gobernadores controlar o que o pobo facía, en ocasións polo ben da maioría e, con máis frecuencia, para beneficiar aos que xa tiñan poder e así permitirse mantelo. Crer apaixonadamente en Deus fixo que as persoas adoptasen hábitos de vida saudables pero tamén fixo que se perseguisen inocentes. O que está claro é que a adoración de un único ente focaliza os esforzos das masas facendo que quen ten o monopolio desa crenza posúa tamén o poder e a vontade de quen a cre. Apelar á culpabilidade do individuo que nace cun pecado orixinal pegado ao peito é máis sinxelo que razoar con el, especialmente cando o que pretendes é convencelo de actuar en contra do seu propio beneficio.

    Hai pouco máis de cen anos un famoso filósofo anunciaba a morte de Deus como expresión da liberación do pensamento. A pesar do “optimismo” de Nietzsche, o nacemento do Superhome non se chegou a producir, poren Deus perdeu moitos adeptos. A relixiosidade non se deixou de lado, o ser humano encarnado en asiduos conflitos bélicos precisa dun alivio espiritual que o manteña en pé disposto a vivir calquera infortunio. O individuo illado pola falta de comunidade, consecuencia da competencia produtivista característica da nosa época, precisa atoparlle sentido ás dificultades mentais que lle impón un mundo deseñado para robots. O estudo espiritual pagan foi dilapidado durante séculos de persecución e, así mesmo, mantense á marxe subsistindo pero degradado e etiquetado como un pensamento irracional debido ao tratamento circense con que estas tradicións se foron transmitindo. Enterrada baixo metros de ficcións, a espiritualidade desligada da relixión é un coñecemento que precisa ser redescuberto e depurado de misticismos e teatralidade.

    A promesa dun paraíso en vida

    O capitalismo é a nova relixión. O neoliberalismo desenfreado, a súa versión máis cruenta, é o culto promovido polos poderosos que desexan innumerables acólitos en forma de consumidores. Mentres que algunhas relixións buscan controlar aos cidadáns a través dunha vida austera e ríxida na que todo se reduce a unha serie de hábitos ou rituais que se aborrecen a mente, o capitalismo enfócase na procura dunha vida ostentosa que a calme con pracer ilimitado. Non importa demasiado que rituais decidas desenvolver no teu día a día sempre e cando o fagas con glamour.

    Para ser un bo fregués desta relixiosidade moderna has de consumir produtos que demostren a túa fe. A abundancia pódese comparar coa purificación da alma que unha vez de morto a un lle permite entrar no ceo. O que se pretende é habitar o paraíso prometido antes de que a morte pete á porta. A ironía é que as presas por atopar o paraíso provocan unha constante ruminación que gravita senón ao redor da morte. Tanto a aceleración da vida, a extenuación derivada do traballo necesario para ser consumidor, como a frustración de ver que o paraíso en vida está só dispoñible para uns poucos, xera un malestar físico e psicolóxico que é desapiadado e inevitable.

    Se cadra, inevitable non. Para iso está Santa Serotonina, a maneira na que os capitalistas che permiten evitar o malestar sen abandonar o consumismo. Aínda que non ven sen unha peaxe, por suposto. Podes vivir nun estado constante de alteración da consciencia que che fai sentir unha certa independencia do teu corpo evitándoche sentir a dor, mais Santa Serotonina non concede milagres sen cobrar por eles. A ofrenda esixe pagar un alto prezo, para desfrutar da anestesia mental ante a dor emocional debemos doar tamén as nosas alegrías, a nosa creatividade e a nosa empatía.

    O que Santa Serotonina che dá,

    Santa Serotonina che quita.

    A pesar do sacrificio requirido, non son poucos os que aceptan as condicións co fin de formar parte da comunidade capitalista. De rexeitar os termos, moitos arríscanse a ser expulsados da sociedade e a atopárense en situacións inadecuadas para o sostemento da vida. Santa Serotonina negocia con máis vileza que o demo, non só che quita a alma senón que ademais a única alternativa que ofrece é unha vida precaria. Só che entrega o entumecemento necesario para continuar empurrando as rochas de varios Sísifos a un tempo.

    Cando cremos na teoría do déficit de serotonina como causa da depresión estamos a culparnos a nós mesmo por nacermos defectuosos, por ser incapaces de producir unha sustancia química que outros tantos semellan fabricar sen dificultade. Deixamos de mirar ao sistema socioeconómico que nos rexe e pretendemos cambiar a nosa realidade cambiando lixeiramente a nosa bioquímica. O poder defende esta teoría porque o libera de toda responsabilidade e lle entrega o látego ao escravo quen se presta agora voluntario para atizarse a diario posto que o seu corpo xa non sente.

    Os herexes da idade contemporánea

    Este modelo psiquiátrico non é un simple postulado médico, actualmente trátase dun mecanismo político posto en marcha para a mellor manipulación do cidadán. Resistirse á crenza é ser tachado de herexe. Diranche que hai moitos que lle rezaron a Santa Serotonina e ela escoitou as súas pregas. É tan certo como que pasar unha hora diaria rezando é senón un tipo de meditación, cos seus beneficios adxuntos. Así e todo, non vai máis alá de tomarse unha copiña de coñac ao comezar o día para manter o frío a raia.

    Criticar aos seguidores desta relixión tampouco está permitido posto que se considera unha falta de compaixón. Como vas cuestionar a decisión de consumir o “o corpo de Deus” cada día se a ti non che fai mal ningún? Un pode dicir que non me fai mal quen acude todos os días a misa, porén si me afecta que esa mesma persoa marque a casiña da igrexa na declaración da renta e lle dea esmola ao crego que xa cobra un soldo mensual financiado polo estado.

    É marabilloso que poidamos falar da nosa saúde, das dificultades que afrontamos e dos detalles de como intentamos manexar a nosa situación, pero non podemos esquecer que cada vez que adoramos a Santa Serotonina é o mesmo que cando fai décadas se recomendaba unha lobotomía. Agora o aniquilamento do librepensador xa non se fai con cirurxía xa que existen numerosas sustancias químicas e variadas formulacións.

    En definitiva, ata que matemos a este Deus resucitado en forma de pastilla non conseguiremos transformar a cultura para finalmente decatarnos de que a emancipación do corpo, e tamén da terra, non é o que desexamos e moito menos o que precisamos.

    Reaccións do Fediverso
  • Indecisión

    Indecisión

    Ata para decidir o título deste artigo me vexo atacada pola indecisión. Semella que é unha afección común, unha condición do ser humano moderno abrasado pola gran variedade de escollas que representan unha escaseza espiritual epidémica.

    A indecisión é conxénita ou adquirida? Nacemos ou facémonos. Penso que nacemos algo dubitativos como instinto para a aprendizaxe e volvémonos indecisos como resultado dunha frustración sostida e extenuante. A dúbida, ferramenta tal que o coitelo, abre camiños a través da xungla e mata conxéneres en momentos de urxencia.

    A indecisión inmobiliza ao tempo que nos fai impulsivos e caóticos. Dubidar ofrécenos posibilidades, información e coñecementos; porén sen a decisión non se practica a sabedoría. As decisións preséntanse ante nós como muros infinitos sen portas nin fiestras, sen esquinas que dobrar, sen final. A decisión é un muro que debe ser derribado para nunca máis existir. En ocasións pode ser reconstruído, mais nunca será o mesmo, será un novo muro con tantas posibilidades como o anterior, pero con outro aspecto, outra esencia, noutro momento.

    A dúbida ante a decisión é como un martelo. Permíteche bater nela e comprobar onde están os puntos fortes e os máis febles, onde está oco e onde é macizo. Con todo, cada vez que a dúbida lle atiza un golpe á decisión, a estrutura treme, as gretas xorden, o adobe sóltase da pedra e a area lévaa o vento. A decisión comézase a tomar, sexa pola nosa man ou pola das dúbidas, o muro será derruído pois o tempo non agarda.

    A indecisión toma decisións: necias e inmaduras, tensas e abruptas. Máis vale armarse de valor e loitar contra a indecisión para tomar unha determinación no último momento ou seremos condenados ás consecuencias da dúbida desatada. A dúbida desatada bate contra o muro ata que cae e logo bate contra nós. Se lle deixamos, non deixa de bater ata que tamén nós nos derrubamos. A dúbida desatada colle o noso espírito e debuxa nel un quebracabezas de mil pezas. Axita a caixa torácica ata que todas as pezas están ben mesturadas e logo esíxenos que recompoñamos o orixinal. Porén a dúbida no seu desate esquece a peza clave, o tempo. O seu avance fai que os pedazos non encaixen, que a imaxe desexada se converta en po diante dos nosos ollos, que escape entre os nosos dedos e novamente, como o muro, desapareza deixando só os escombros do noso ser: arrepentimentos.

    Que lamento máis cruel que aquel que sentimos ante o que puidemos facer e o que non fixemos. O intento líbranos de toda culpa. A decisión tomada, aínda no seu fracaso, adoece moito menos que a cobarde indecisión. Será a indecisión cousa da valentía? De seguro ten que ver co medo. E con todo, o resultado da indecisión é ese pesadelo que non nos abandona cando amence.

    Os arrepentimentos fican pendurados na nosa gorxa. Inpídennos falar e mesmo respirar cando precisamos do aire para facer patente a nosa existencia. Pésannos tanto que nos encorbamos, pero non como vellos de cen anos cansos de tanto vivir, senón como cochinillas que ante a experiencia da vulnerabilidade se fan unha bóla. O arrepentimento é a exhacerbación do erro, como case calquera exhacerbación, é innecesario a maioría do tempo. Só en contadas ocasións serve un propósito, a reflexión que non tivo lugar previa á toma de decisións. Mais os indecisos non pecamos de irreflexivos, todo o contrario. Desfrutamos da reflexión porque a abundancia de posibilidades acóllenos embriagándonos cun falso sentimento de seguridade. O arrepentimento dos indecisos non é outra cousa que a procura desesperada dese momento previo á caída do muro decisivo, procuramos esa calma que nos proporciona sentar nun cruce de vías coa confianza de que temos o poder de escoller calquera camiño.

    A indecisión ten as súas trampas e se non estamos atentos podemos atoparnos nun balancín que nos abanee entre a reflexión e o arrepentimento constante, ignorando as tomas de decisión e deixándolle ao tempo que se faga responsable. Se non nos facemos donos do noso tempo, por desgraza non seremos capaces de reconstruír muros tampouco, nin de derrubalos do xeito que a nós máis nos conveña, e seremos daquela prisioneiros da caótica dúbida desatada. As decisións deben ser tomadas ou estaremos decotío toman unha única decisión que é a de non facer nada. A inactividade inmaterial é sinal de atrofia espiritual e síntoma dun declive sapiencial. A indecisión é unha difícil batalla persoal que, de non rendese, forxa guerreiros culturais capaces de enfrontarse á vileza dun sistema obstinado inclinado ao afundimento da civilización.

    Reaccións do Fediverso