Categoría: vivenda

  • A vivenda dun futuro acolledor e realista

    A vivenda dun futuro acolledor e realista

    Hai tempo que este artigo estaba na miña lista de tarefas e a recente mobilización cidadá lembroume que o mellor momento sempre será onte. A vivenda. Un dereito, din. Algúns incluso o cuestionan, cren que é un ben de mercado (sen dúbida porque teñen a oportunidade de especular con ela). Unha necesidade, seguro.

    A situación é crítica. A xuventude hai tempo que se despediu dos soños de propiedade. Só buscan chegar a fin de mes cun teito sobre as súas cabezas. Desexan bo alimento e calor no inverno. A xente maior non quere marchar do que foi o seu fogar durante décadas. As paredes onde fixeron eco as súas risas e os seus prantos. As familias. Como nos atrevemos a negarlle unha vivenda digna á infancia? Con que cara lle dicimos a unha nai, a un paí, que a precaridade laboral e o mercado inmobiliario anulan todos os seus esforzos por protexer aquilo que máis aman?

    Non se pode culpar a un goberno, non podemos ser tan inxenuos de crer que un problema que afecta a tantos non é máis que un tema de politiqueo. De política vai o tema, pero non se trata de partidos, senon da estructura que sostén ao sistema socioeconómico no que estamos inmersos. A situación é crítica, o cambio ha de ser igualmente crítico.

    O real decreto que nunca se chegou a firmar aplicaría unha serie de medidas que podían parchar as goteiras que nos inundan o estado de benestar. Ainda que o cambio sería pequeno, polo menos habería máis salvavidas á vista. As medidas poderían ser radicais, poderíase facilitar a obtención da primeira vivenda e encarecer progresivamente a compra e os impostos das consecutivas, deste xeito os pequenos propietarios non se verían afectados mentres que os fondos buitre contribuirían como deberían. Por suposto, iso debe ir acompañado dun parque público de viviendas de aluguer que ofrecería un teito a aquelas persoas que non poidan ou non queiran comprometerse con unha localización en particular.

    Non veño a dicirvos a quen tedes que votar se desexades que se tomen medidas remotamente similares a estas. Penso que xa todos sabemos as inclinacións de cada partido, mais si espero que non tomedes a decisión pensando que por ter dúas ou tres propiedades deberíades votar as mesmas políticas que os grandes rentistas. Nin sodes agora afectados pola lei do mesmo xeito, nin o seredes no futuro.

    O que eu traio son alternativas cara as que mirar na procura da dignidade que o capitalismo nos arrebatou sen piedade. Opcións varias que responden a diferentes modos de vivir a vida, de entender as relacións ou de xestionar as necesidades básicas. Son solucións que se están creando paralelamente á política hexemónica e que exploran unha realidade moi real que moitos aínda só asocian coa ciencia ficción. Precisamente por iso quero dedicarlles este espazo, porque aínda que moitos se resisten a crelo, existe unha alternativa digna e xusta para todo este caos de desigualdade e avaricia.

    A propiedade privada ten moitas máis formas de existir que a vivenda unifamiliar. Non hai tantos anos as grandes casas que ainda se manteñen no rural e na zona antiga das cidades eran ocupadas por varias familias, ou polo menos por un grupo heteroxéneo de persoas que decidiran compartir a súa vida compartindo tamén o espazo. A cultura individualista non nos facilita imaxinarnos un día a día no que resolvamos conflitos ou tomemos decisións por consenso e por iso optamos por reducir o número de persoas coas que convivimos. Pero iso tamén xera illamento e soidade, con frecuencia non desexada.

    Esas grandes casas son inspiración para os edificios comunais, as cooperativas de vivenda ou a práctica pseudomoderna do coliving (que non é outra cousa máis que compartir unha propiedade para así poder permitirse económicamente un lugar digno). A maioría da xente precisa de contacto social diario, de descanso acompañado ou de apoio mutuo nas tarefas do día a día ou nos gastos. Unha propiedade, xa sexa unha casa ou un edificio, que facilite a socialización favorece tamén a colaboración.

    O capitalismo propuxo a vivenda unifamiliar precisamente coa intención de impedir que os individuos cooperen. Non foi casualidade.

    Unha alternativa levada a cabo pola ciudadanía pero que ben pode ser impulsada de forma institucional polo seu potencial de repoblación do rural, son as ecoaldeas. España precisa recuperar a presenza humana no seu territorio non-urbano e comezar a así a construir a soberanía alimentaria que perdeu. As ecoaldeas son todas distintas o cal ofrece moita versatilidade á hora de escoller a súa xestión. Os acordos consensuados son tan variados como as condicións de vida ás que os seus membros aspiran. Isto ofrece non só alternativas á vivenda tradicional senon que tamén abre a porta a modelos económicos diferentes ao capitalista.

    Algunhas ecoaldeas xurdiron do baleiro, dun caserío abandonado ou dun terreo en perigo de desertificación. Outras foron unha transformación, a aldea rural típica que decidiu poñerse de acordo para afrontar o reto ecosocial. A base de decisións e traballo colaborativo foron modificando o entorno e as súas relacións para que a comunidade e a súa vida sexa sostible e xusta. Estas son as ecoaldeas que máis me gustan porque son exemplo vivo do que podemos acadar se non renunciamos ao noso futuro.

    Dixen ao comezo que a vivenda é unha necesidade para así evitar mencionar que é un dereito. Non é un dereito porque na práctica non temos maneira de esixirlle ao capitalismo que o satisfaga, por iso a miúdo nos temos que saír del para acadalo. Precisamos renunciar aos afastados luxos (incompatibles cun mundo ecosocialmente xusto) cos que o sistema nos atrae e entretén para poder alcanzar os dereitos básicos que si se poderían manter de forma sostible con igualdade. O esforzo ímolo ter que facer, xa sexa para sobrevivir nunha organización socioeconómica en crise, ou para construír algo novo xa ben deseñado e experimentado por uns cantos valentes. A decisión é nosa.

    Reaccións no Fediverso